Ponteareas | Este luns, 13 de maio, a partir das 9.00 horas abre o prazo para participar nas catro novas sesións das visitas teatralizadas ao Castelo de Sobroso que terán lugar ás 12 e 17 horas os días 23 e 30 de xuño. En total, a Deputación de Pontevedra oferta 80 novas prazas que se cubrirán por rigoroso orde de chegada da solicitude ao correo electrónico paseapontevedra@gmail.com.
As visitas teatralizadas ao castelo de Sobroso comezaron esta fin de semana cun cheo absoluto e coas 80 prazas cubertas nunhas poucas horas dende a apertura do proceso de inscrición. Por mor deste motivo a Deputación de Pontevedra impulsou catro novas sesións para as 12 e 17 horas dos días 23 e 30 de xuño que se ofertarán, en primeiro lugar, ás persoas que quedaron sen praza nas primeiras quendas das visitas. As prazas restantes poranse a disposición das persoas interesadas a partir deste luns e cubriranse cos primeiros correos que cheguen a paseapontevedra@gmail.com. Neste eido, as e os interesadas/os nas novas quendas das visitas teatralizadas ao Castelo de Sobroso deberán indicar no correo electrónico o nome e apelidos, o DNI e o teléfono de contacto.
Durante a visita ao castelo de Sobroso, tal e como tivo lugar esta fin de semana, a pantasma Sancha será a encargada de guiar a actividade. En liñas xerais trátase dunha visita dinámica e participativa, na que as persoas deberán axudar a Sancha a cumprir o seu soño: escapar do castelo para viaxar. Deste xeito, as familias realizarán unha ruta polos muros da fortificación para buscar os obxectos agochados no Castelo que Sancha precisa para marchar. Mentres se percorre o recinto á procura dos obxectos para Sancha, as persoas participantes na actividade coñecerán da man da pantasma as historias do castelo e tamén das persoas que o habitaron.