Primeiro miremos o mapa electoral previsto para este ano. Destacan os comicios presidenciais (tamén denominadas eleccións xerais) en países tan diversos pero non menos importantes como Ucraína, Gran Bretaña, Rusia, EEUU, Indonesia, México, Irán, Bielorrusia, India, Taiwán, Venezuela, Pakistán e El Salvador. E tamén temos lexislativas, con especial énfase na renovación do Parlamento Europeo 2024-2029 así como dos poderes lexislativos de Brasil, Bélxica, Austria e Portugal, entre outros.
En termos xerais 74 países e máis da metade da poboación mundial (máis de 2.000 millóns de persoas) votarán este 2024 xa considerado como o ano máis electoral da historia. Entrando xa na segunda metade desta década estamos, por tanto, ante un intenso e estratéxico ano electoral que pode definir as claves da xeopolítica mundial para os vindeiros anos.
E isto nos leva á segunda lectura, non menos inquietante e incluso ata surrealista: o futuro da democracia ante, curiosamente, esta proliferación de eleccións. Apréciase así esta interrogante: sae fortalecida a democracia ante a celebración de tantas eleccións, nalgúns casos erosionadas por un contexto de polarización, crises e populismos de toda índole?
Cos ecos aínda presentes da recente elección do “liberal libertario” Javier Milei na Arxentina, aparecen aquí os grises, ou quizáis máis ben os escuros, que nos agarda este 2024. Un dato importante reflicte tamén esta preocupación: dos 74 países chamados ás urnas, en 22 aínda non están definidas as respectivas datas electorais para celebrar estes comicios. Salvo excepcións (Gran Bretaña) este escenario vén derivado das crises políticas internas, guerras e incluso golpes militares. Destacan aquí os casos de Ucraína, Sudán do Sur, Burkina Faso e Venezuela.
Porque non é pouca cousa que, en medio de guerras (Ucraína; Gaza) se vote en países estratéxicos para o poder mundial como EEUU, Rusia e India. E tamén en Taiwán, para moitos “a guerra do futuro” que involucraría a China e EEUU. Todo isto derivará en cambios de enfoque que afectará o acontecer xeopolítico. Toda vez países con sistemas cada vez máis autocráticos (Rusia, Bielorrusia), outros con tendencias autoritarias in crescendo (India) e outros mais de natureza teocrática (Irán) votarán sen practicamente unha oposición competitiva capacitada para dar curso a un cambio de goberno.
Noutros casos a posibilidade de retorno de polémicos líderes (Donald Trump en EEUU) determinan unha volta atrás, coas súas consecuencias nas decisións políticas globais. E isto tamén repercute cruzando o Atlántico; para o vindeiro Parlamento Europeo asoma o ascenso de tendencias “ultras” precisamente antieuropeístas, dunha Europa “patriota” e revisionista que volve a colocar o Estado-nación por riba das expectativas comunitarias, poñendo patas arriba o proxecto europeo iniciado en 1957.
Na maior parte dos casos as crises políticas poden intensificarse de acordo aos resultados electorais. Ucraína e Venezuela poden ser eses casos. Irán observa un momento complexo toda vez a teocracia imperante vese condicionada pola escaseza de liderados e unha cada vez maior contestación social, aínda sen líderes visibles capaces de mobilizala.
“Os populistas e os autoritarios medran tamén nas democracias, especialmente cando éstas están en crise”
Non esquezamos que a mecánica da guerra pode alterar o status quo político imperante, como vemos no caso de Ucraína pero quizáis tamén no do primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu, que pretende prolongar unha masacre en Gaza que pode afectarlle politicamente: desde 2020, Israel ten realizado practicamente eleccions cada ano.
Un proceso electoral, obviamente atendendo aos cánones de pluralidade, liberdade e transparencia, sempre é observado como a sinal máis inequívoca da boa saúde democrática dunha sociedade.
Pero neste volátil e impredicible mundo que se asoma no 2024 a lectura parece ir definindo outra variable menos halagüeña: que os populistas e os autoritarios medran tamén nas democracias, especialmente cando éstas están en crise, instrumentalizando a confección dun modelo político prêt-à-porter que, precisamente, termine derrubando ese sistema democrático baseado na división de poderes.