Ponteareas | O Concello de Ponteareas informa que se retoma, pouco a pouco, a actividade da feira dos sábados e que mañá habera postos de produtos agrícolas (hortalizas, plantas, froitas…). Estes primeiros postos de venda ambulante de produción agrícola estarán ubicados na praza Bugallal para poder cumprir as esixencias de seguridade e distancia, estando os espazos delimitados e vixiados por Protección Civil. A cidadanía que saia para as súas compras poderá adquirir estes produtos de proximidade frescos e de tempada. Por outro banda, o goberno local lamenta o criterio “errático” da Delegación do Goberno. O luns día 4 de maio a Xunta de Galicia autorizou a celebración dos mercados e o Concello comezou a contactar cos produtores e a preparar a loxística e organización da feira do sábado día 9. O xoves día 7 a Delegación do Goberno, contra a decisión da Xunta de Galicia de permitir os mercados, anuncia a prohibición de celebración dos mesmos obrigando ao Concello a desconvocar aos produtores. Vintecatro horas máis tarde, hoxe, a Delegación do Goberno cambiou o seu criterio e anuncia que agora “si” se permite a celebración véndose de novo o Concello obrigado a convocar a última hora aos e ás produtoras interesados en vender na praza Bugallal.
O Concello lembra a importancia de aterse ás recomendacións sanitarias e saír nas condicións e nos casos recollidos na normativa.