Ponteareas/PPdeG | O Grupo Municipal do PP fixo balance destes sete anos de Goberno ante un aniversario no que consideran que pouco hai que celebrar.
Os populares tachan esta etapa de Goberno bipartito como nefasta para a historia da Vila do Tea, facendo un resumo pola situación dos actuais servizos públicos. “Desentendéronse de todo. En sete anos de Goberno nin unha soa infraestrutura nova. O Auditorio municipal pechado baixo sete chaves por perigo de derrube. A Residencia de Maiores sancionada en varias ocasións por falta de mantemento e pechada a súa entrada principal por desprendementos da cuberta”.
“A escola infantil segue sen estar adaptada á normativa, o que supón 29 prazas menos para nenos de 0-3 anos aos que a Xunta de Galicia garántelles a gratuidade da súa educación. Nos colexios públicos non fixeron ningún tipo de actuación de mantemento, só esixir á Xunta investimentos que si levaron a termo, como cambio cuberta no colexio Fermin Bouza Brey ou a nova cuberta do patio infantil do Colexio A nosa Señora dos Remedios”
“A Estación de Autobuses, perderon a oportunidade de asinar un convenio coa administración autonómica beneficioso para o noso pobo e para a mellora deste edificio. As instalacións deportivas existentes están abandonadas. As instalacións de Pardellas están nun estado lamentable ou mesmo a piscina municipal non recibiu ningún tipo de investimento. A Freixa, un lugar que anunciaron que rexenerarían, non foron capaces nin de poñer en marcha o cámping que licitaron as súas obras hai meses e que nunca empezaron. E así unha longa lista que poderiamos continuar. Que alguén nos diga unha soa nova infraestrutura en Ponteareas”, preguntaban os populares.
Ademais, o PP considera que o PXOM aprobado de forma definitiva é algo do que non poden estar orgullosos. “O único mérito que teñen e resulta que se trata dun documento que non inclúe parcelas dotacionais para por exemplo o Centro de Saúde, non desenvolve chan industrial e impide o crecemento nas parroquias”.
Noutros grandes asuntos como son a mellora da N-120 ou a depuradora os populares consideran que se perdeu o camiño percorrido, na N120 e na Variante perdemos o diñeiro, 27 millóns de euros, e na ampliación da depuradora este goberno aceptou desprazar a súa construción ao ano 2024. “Estamos estancados. Este goberno é un lastre”.
A situación financeira é algo que tamén preocupa aos populares que sitúan a débeda actual contraída por este bipartito no últimos catro anos en 14 millóns de euros, a devolver nos próximos vinte e cinco anos.
“Hipotecaron a todas as corporacións futuras a pesar de que subiron os ingresos dos principais impostos, das sancións e de que os propios concelleiros subíronse o salario en 2021, mentres os funcionarios locais non perciben as retribucións correspondentes desde o ano 2018. Son nefastos xestores económicos.”
Por último os populares mostran a súa preocupación ante a perda de axudas do Goberno bipartito, a máis recente una de 200.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética nas Escolas Unitarias de Pías, Moreira, Xinzo, Ribadetea e Areas ou a prórroga solicitada para xustificar os cinco millóns concedidos a través da EDUSI, subvención obtida no ano 2016, que teñen seis anos despues sen acabar nin xustificar ningunha das actuacións, da que non existen datos a día de hoxe, e que Ponteareas corre o risco de perder deixándonos sen ese investimento millonario.
“Este Goberno caracterizouse por ser pouco transparente. Nin sequera entre socios de Goberno vimos diálogo con algo tan importante como a localización do Centro de Saúde. É moi difícil poder colaborar cun Goberno instalado na mentira e no silencio. Vimos esta falta de diálogo e consenso en temas como a instalación da caldeira de biomasa en pleno centro urbano ou coa peonalización e suposta reordenación do tráfico que non gustou aos veciños”.