Algo debe estar pasando cos nosos líderes e representantes políticos que confunden a política cos “reality show”, as ‘telenovelas’ e as series de culto. Comezan a ser tópicos nos nosos mass media unha serie de cualificativos sobre o que está sucedendo coa política a nivel mundial. Que se volve o fascismo, que se a democracia está en crise, que se impoñen as autocracias “postmodernas”, que se as novas elites políticas son “inmaduras”, herdeiras dunha sociedade acomodada ao calor dunha bonanza económica que cada vez máis se evapora. E así seguimos…
“Algo debe estar pasando cos nosos líderes e representantes políticos que confunden a política cos ‘reality show’, as ‘telenovelas’ e as series de culto”
Comecemos por Gran Bretaña, aquel ex imperio que surcaba todos os mares e tiña ao mundo como unha especie de Mare Nostrum. Un dos países líderes a nivel mundial, membro das sete potencias económicas globais pero cuxo desempeño político nos últimos anos da para unha serie de Netflix (e non precisamente refírome á popular “The Crown”)
Dende o Brexit, en Downing Street teñen renunciado catro primeiro/as ministros nos últimos seis anos, todos eles conservadores: David Cameron, Theresa May, Boris Johnson (o dos “venres do viño” en plena pandemia) e agora Liz Truss, a “ambición rubia” que ansiaba ser a nova Margaret Thatcher e que pasará á historia como a que menos tempo estivo no cargo (44 días) Isto levou a que os medios se cebaran contra ela, con mofas tan hirientes que levaron a comparar a duración do seu mandato cunha leituga. Non esquezamos que, en medio desta “comedia inglesa”, acaeceu a morte da Raíña Isabel II, a monarca con máis tempo no poder (máis de medio século) e baluarte da estabilidade institucional da Pérfida Albión.
Pois agora, en medio dunha nova crise política e institucional ás que Londres xa nos ten acostumbrados ultimamente (reaparición do excéntrico Boris Johnson mediante) vemos a posibilidade de que Rishi Sunak, descendente de inmigrantes indios, se converta no novo primeiro ministro británico. O que é o mesmo, a ex “xoia da coroa”, esa India que tanta presenza ten no imaxinario cultural (e sentimental) británico, pode agora poñer a un dos seus fillos á cabeza do ex imperio e da ex metrópole, dende fai tempo reconvertido en Commonwealth, sorte de nostalxia post-imperial. Ironías, eso si curiosas e ata reivindicativas, da historia.
Pasemos a China, chamada a ser a superpotencia do século XXI, dor de cabeza cotiá de Washington. O poderoso Partido Comunista Chinés (PCCh) celebrou durante unha semana o seu XX Congreso entronizando ao seu secretario xeral Xi Jinping a un histórico terceiro mandato que rompe o pacto dentro do PCCh de dous mandatos consecutivos.
A prensa occidental cualifica como a “coroación” do “novo Emperador mandarín” en mans dun Xi que tivo un xesto inusual (e non menos vergoñento) que rompe coa tradicional discreción que caracteriza á política chinesa: expulsar ao seu antecesor Hu Jintao (79 anos) da sala de deliberacións o último día do Congreso, ante a mirada, entre inerte e atónita, do resto de asistentes e do mundo enteiro. Quería Xi lanzar unha mensaxe simbólica do final dunha era mediante esta humillación pública a Hu? Como acometerá agora o PCCh un liderado cada vez máis personalista e que incluso comeza a trazar liñas de “culto á personalidade” con lembranzas de antano (Mao)?
A humillación de Xi a Hu lembra algo acaecido no Kremlin en febreiro pasado, previo á invasión militar a Ucraína, cando o presidente ruso Vladímir Putin humillou en público ao seu xefe de intelixencia Serguéi Naryshkin durante un acto do Consello de Seguridade. Un Naryshkin que, sabendo que a invasión era inminente, pedía un “último esforzo para negociar con Kiev e os nosos amigos occidentais”. Algo intolerable para o “zar” Putin, quen interpelou sen contemplacións ao seu interlocutor. As cartas estaban echadas: Rusia xa está empantanada na guerra ucraína e Putin xa afastou a Rusia de Occidente.
Pasemos agora á “eterna Roma”. Esta fin de semana acordouse o novo goberno en mans da ultradereita liderada por Giorgia Meloni, por certo a primeira muller que chega a ser xefe de goberno no país transalpino. Coñecida admiradora de Mussolini e apoiada por partidos fascistas, con Meloni parecera que volve unha nova versión do “post-fascismo” cen anos despois da histórica marcha de Roma coa que Mussolini inaugurou a súa toma do poder, e que durou ata a súa morte, colgado coa súa amante Clara Petacci, a mans da resistencia antifascista en 1944, coa II Guerra Mundial agonizando.
Pero o curioso é o retorno á escena política do incombustible e varias veces primeiro ministro Silvio Berlusconi (84 anos) As súas discrepancias con Meloni foron tan notorias na semana de negociación para formar novo goberno que, se ben finalmente logrou apoiala, no camiño deixou “perlas” como as súas declaracións de que retomaba a súa amizade persoal con Putin, culpando a Ucraína e Occidente da guerra.
E quen dixo que, lembrando a saga de James Bond, non é certo aquelo de “dende Rusia con amor”? O “amigo Putin” envioulle a Berlusconi varias caixas de vodka (regalo subliminal ante o duro inverno sen gas ruso que se avecina?) e unha carta “romántica” na que Putin aseguraba que Berlusconi era “o primeiro dos seus cinco verdadeiros”. Insisto: estamos falando de políticos e política “de alto nivel”, non dunha novela turca.
Crucemos o Atlántico, onde hai para todo. Como entender que a “telenovela Guaidó” chega ao seu fin cando o seu principal “amante” e valedor (EEUU) xa non o quere (como presidente, neste caso) e aposta agora polo “malo da novela” Maduro? Bussiness is bussiness, my friend. O petróleo non o ten Guaidó senón Maduro. E a desconexión enerxética rusa de Occidente para venderlle petróleo máis barato a China non pasa por alto na Casa Branca.
Así que chamémolo “realpolitik“: Washington estaría disposto a “abandonar” ao seu ex “amor” Guaidó e recoñecer agora ao seu “novo amor”, Maduro como o “presidente lexítimo” e “ablandar” as sancións internacionais a cambio de que as multinacionais gringas volvan ao apetecido mercado petroleiro venezolano, o país sobre o que se coñece se asentan as maiores reservas de petróleo e gas natural a nivel mundial.
E seguimos cos “amores” latinos. Agora fálase que o uruguaio Luís Almagro podería ser destituído como secretario xeral da OEA por un “lío de faldas” que “violaría o código ético” dese organismo hemisférico (?¡).
Pero ‘ollo ao piollo’: o vindeiro 8 de novembro serán as decisivas eleccións mid-term en EEUU, onde se renovará a totalidade da Cámara de Representantes e un terzo do Senado. Falando claro: eses resultados abrirán as cábalas para as presidenciais 2024. Os republicanos avanzan con forza para controlar ámbalas dúas Cámaras mentres Trump volve a asomarse no panorama. A todo isto aumentan as preocupacións sobre a saúde mental de Biden e a súa capacidade para finalizar o seu mandato na Casa Branca.
E finalmente Brasil, ese “país de futuro” no que o “trumpista” Bolsonaro, resulte ou non vencedor da segunda volta do vindeiro 30 de outubro, politicamente será o inesperado gañador dunhas eleccións presidenciais nas moitos agardan que Lula volva ao poder. O “bolsonarismo”, tan ducho ás excentricidades e ao “políticamente incorrecto”, domina ámbalas dúas Cámaras, a lexislativa e o Senado. Pode que Lula volva á presidencia pero o fará nun Brasil “bolsonarizado”.
“Estamos na era da ‘tolemia política’?
En resume: estamos na era da ‘tolemia política’? A clase política, está en fase ‘reality show’? Ou estamos ante un “fin de siécle” ‘de novela’, con guión de Netflix, e resulta que nin o sabíamos nin nos dimos de conta?