O Porriño | O Porriño pon en marcha un Programa de Estimulación Terapéutica da man de AFAGA para prestar atención ás persoas afectadas por algún tipo de demencia dexenerativa. Este poñerá ao alcance dos doentes e das súas familias asesoramento a través de profesionais cualificados, un programa de respiro familiar e atención psicolóxica para doentes e coidadores.
En primeiro lugar, levarase a cabo un Programa de Atención e Asesoramento, para toda persoa que procure recursos sociais e información xeral relativa ás diferentes tipoloxías de demencia, así como respecto da súa abordaxe. A tal fin, unha Traballadora Social de AFAGA Alzhéimer atenderá ás persoas que o precisen.
Por outra banda, implementarase un Programa de respiro do entorno familiar e convivencial por medio da realización de actividades de estimulación cognitiva e funcional para persoas con demencia. Este achégalles a posibilidade de recibir tratamento non farmacolóxico sen ter que desprazarse fora do Porriño.
Da man dun psicólogo e un terapeuta ocupacional traballarase semanalmente nas áreas de orientación temporal e persoal, memoria, linguaxe, atención…e todas aquelas afectadas por estas doenzas. Tamén se levarán a cabo actividades de laborterapia, xerontoximnasia e fomento da independencia nas actividades da vida diaria.
O servizo inclúe tamén un Programa de Atención Psicolóxica que quere chegar aos coidadores das persoas enfermas prestándolles todo o apoio psicolóxico e transmitíndolles pautas de actuación coa persoa que están coidando e regras de autocoidado para evitar a aparición do síndrome do coidador queimado, entre outros aspectos.
Tamén se organizará un Grupo de Axuda Mutua para favorecer o intercambio de experiencias entre coidadores e así aliviar a sobrecarga que poidan estar a sufrir.
A concelleira de Política Social, Teresa Veloso, coñece “a necesidade que teñen as persoas diagnosticadas de alzhéimer en fases iniciais e as súas familias de apoio terapéutico e acompañamento profesional, por iso, dentro do noso compromiso coa veciñanza do Porriño estamos a apostar polo seu benestar físico e emocional”.
Pola súa banda, o alcalde, Alejandro Lorenzo, apuntou que “para poder loitar contra esta enfermidade e mellorar a calidade de vida dos que a padecen e das súas familias é moi necesaria a implicación de todos e dende o Concello estaremos con eles en todo o que necesiten. Esta loita é a de todos”.
A inscripción para esta actividade, dirixida a persoas con diagnóstico, está aberta e pode formalizarse nas instalacións dos Servizos Sociais (no terceiro andar do Concello do Porriño) en horario de mañá.