Cadernos da viaxe.
En semanas anteriores debullamos a análise do pacto de investidura BNG-PSOE no atinxente á mellora do autogoberno e do financiamento autonómico e da axenda ferroviaria galega.
Hoxe é a quenda da rede viaria estatal. O pacto de investidura acordou, canto ás autoestradas estatais, extender a actual redución da peaxe do 20% ao 50% para usuarios recorrentes (20 ou máis viaxes ao mes), equiparando os descontos vixente e futuro da AP-9 coa autoestrada central galega AP-53 (Compostela-Lalín-Alto de San Domingos). E incluindo os vehículos pesados, tendo en conta a dependencia do transporte por estrada das mercadorias galegas.
A Autoestrada do Atlántico (AP-9), asemade, habería ser transferida, segundo este pacto de investidura, á Xunta de Galicia durante esta lexislatura, pois que non só se comprometeron as recoñecidas no vixente Estatuto, senón as que foron obxecto do acordo consensuado do noso Parlamento, que aprobou por unanimidade tres proposicións de leis orgânicas para transferir a AP-9, que decaeron polas sucesivas disolucións dos Congresos elixidos no 2016 e 2019.
“A cidadanía galega non entendería máis atrasos nin vetos implícitos nunha vía que constitúe a nosa ‘rúa maior”
Arestora estase a tramitar a cuarta, que habería ser a definitiva. A cidadanía galega non entendería máis atrasos nin vetos implícitos nunha vía que constitúe a nosa “rúa maior”, mentres casteláns e andaluces transitan de balde por autovía entre as súas capitais.
O pacto de investidura acordou tamén un Plano plurianual 2024-28 de actuacións na rede viaria estatal no noso País para incluír nos sucesivos Orzamentos i) rematar no 2024 a fulcral autovía Compostela-Lugo, ii) rematar o viaduto do Castro na A-6 sentido Madrid no 2023 e o outro viaduto, sentido Lugo-A Coruña, no 2024, iii) resolver a medio de actuacións concretas os chamados “pontos negros” da rede viaria estatal toda (N-VI, N-550, N-541 no sector de Cerdedo-Cotobade…), iv) mellorar a N-VI e a seguranza viária na N-550 e v) planificar o segundo treito do paseo entre Marín e Pontevedra e planificar e principiar a execución da variante da Estrada.
O cativo estado da rede viaria estatal na Galicia e as desaqueladas recadacións dunha AP-9 que habería ter rematado este ano 2023 o período de exacción das peaxes proxecta a idea da importancia destes acordos políticos, mais tamén amosa a inconveniencia de vencellar aos Orzamentos Xerais do Estado e, en último de contas, ás decisións do Goberno do Estado o mantemento da rede viaria estatal na Galicia.
A nosa economía precisa que a Administración galega teña a competencia e os recursos para xestionar a rede viaria toda para evitarmos perigos como o da N-541 ou funiles que atrasan a vida cotián de milleiros de persoas como o de Perillo-Oleiros na N-VI.
Velaí a necesidade de negociar, nesta mesma lexislatura e seguindo o ronsel da transferencia ás Deputacións Forais vascas no 2018 e 2019, a transferencia do mantemento da rede viaria estatal na Galicia.