Do grupo musical Batital, promovido pola Asociación Cultural do mesmo nome
Madrid | A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia acolleu esta tarde a presentación en Madrid do vídeo musical promocional de Lugo e a súa provincia “I´m from Lugo & I don ´ t deny it” (“Son de Lugo e non o nego”), do grupo musical Batital, promovido pola Asociación Cultural do mesmo nome. Nel actúan as sopranos Alba Messa e Noemi Mazoy e as cantantes Lucía Pérez e Pilocha, ademais doutros músicos da provincia; e conta coa participación de máis dun millar de lucenses, entre eles, Luis Tosar, Marta Rivera, Diego López, Elías Rodríguez, Martín Barreiro, José de Cora, Liborio García, Jorge Acuña, Fernando Ónega e Jenaro Castro.
No acto interviñeron Francisco M. Fernández Muinelo, músico de Batital, emprendedor desta aventura e presidente da Asociación Cultural Batital; Marcos Barrios Carreira, director técnico do proxecto, Roser Ares Rodríguez, actriz protagonista, o xornalista Jenaro Castro, que apoiou o proxecto, e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, quen dió a benvida aos seus paisanos lucenses e fixo un eloxio da música como elemento vital e “alegría de todas as cousas”. Tras as intervencións e a proxección do video, o acto tivo como broche final un pequeno concerto ofrecido por Batital.
A agrupación amateur Batital, creada en Lugo en novembro de 2007, é a impulsora desta iniciativa de promoción musical da provincia lucense. A idea da realización do videoclip xurdiu hai un ano e medio como un intento de neutralizar a imaxe negativa dela que circulaba nos medios de comunicación a raíz das operacións contra a corrupción levadas a cabo no seu capital. Esta tarde, o proxecto fíxose realidade e presentouse oficialmente na Casa de Galicia de Madrid.
Os asistentes á estrea puideron ver o contido deste anuncio que involucrou máis de mil voluntarios. O tema principal, “I’m from Lugo & don ´ t deny it” (“Son de Lugo e non o nego”), composto por Fran Muinelo sobre un slogan homónimo, é un canto alegre á provincia de Lugo con maneiras de himno e foi gravado no estudo de Arturo Vaquero coas interpretacións estelares de Alba Messa, Lucía Pérez, Noemi Mazoy e Pilocha Martínez. Ademais, déronlle movemento as numerosas persoas que se uniron ao lipdub rodado no casco histórico da cidade amurallada o pasado 5 de abril.
Este videoclip tamén ten reunido a personaxes do mundo do deporte, a moda, a literatura, a televisión ou o cine, como Jenaro Castro, Martín Barreiro, Luis Tosar, Liborio García, Diego López, Marta Rivera de la Cruz, José de Cora, Francisco Rivera Cela, Jorge Acuña, Antonio Mourelos, Fernando Ónega, Jorge Coira, Pablo Núñez, Elías Rodríguez Varela, Mariana Expósito ou Francisco Narla.
Todos os participantes desta proposta, tanto famosos coma anónimos, puxeron o seu gran de area e manifestou o seu orgullo de ser lucenses para cumprir o obxectivo de Batital de mostrar fóra o máis positivo da súa terra.
Para a execución deste proxecto contouse co patrocinio de Cafés Candelas, Caixa Rural Galega, o Concello de Lugo e o centro comercial As Termas e coa colaboración especial da Fundación TIC, El Progreso, Escóitame Producións e a Asociación Lugo Monumental, así como co apoio doutras entidades e empresas.