Fene | A finais de setembro estreouse o podcast Os incurábeis. En 2001, unha muller aparece asasinada no barrio coruñés dos Castros. O inspector Sánchez Pereiro debe resolver este caso e outros similares que se repiten dias despois no mesmo barrio da Coruña, nun tempo político e social que coincide coas secuelas do 11-S.
Os incurábeis é un podcast de 86 capítulos de 12 minutos de duración cada un, realizados a partir dun guión de Antonio Tizón, baseado na novela do mesmo autor e co mesmo título. Máis de 50 persoas participaron na gravación que se desenvolveu nos pasados meses de xullo e agosto baixo a dirección de Eugenia Sanmartín.
Producida por Son Radiofusión, contou coa colaboración do Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene e da Deputación da Coruña.
É esta a terceira entrega dunha serie que ten como protagonista principal o policía Xosé Sánchez Pereiro, e que, en chave de xénero negro, pretende achegarse, desde distintas perspectivas, ao tema catalizador, que non único, da enfermidade mental. A corrupción política e moral e os problemas de contaminación e urbanismo da Coruña tamén aparecen na obra.
A esta serie pertencen A antesala luminosa (2015) Un home estraño (2018) e Os incurábeis (2020), e outras dúas novelas que ainda están no prelo.
O podcast conta ademais con música composta por Antonio Ramos, dirixido por Eugenia Sanmartín. Será emitido por Radio Fene Radiofusión a partir do luns 27 de setembro, todos os dias ás 9 da mañá e as 9 da noite. Pódese sintonizar tamén na web www.radiofusion.gal.
As novelas de Tizón son as únicas da literatura galega adaptadas polo momento ao formato podcast o que pode permitir a captación de novos públicos para o mundo da lectura.
Arredor de Os Incurábeis, o pasado 11 de setembro realizouse un roteiro literario polo barrio dos Castros. A actriz Eugenia Sanmartín, o actor Franki Muiño, a escritora Mercedes Queixas, o libreiro Manuel Carballido, o xornalista Henrique Sanfiz e o escritor Antonio Tizón explicaron algunhas das localizacións que aparecen na novela.