Estrondos.

Estas conmocións que sofre o mundo e que ao final padecemos nós, todos, son periódicas e veñen sucedendo ao longo da Historia da humanidade. Son aquelas que, ou ben nos acomodan ou ben nos desestabilizan, e fano entre a mesma humanización e a guerra, entre a mesma natureza humana de pervivencia ou de ruptura, nun sistema empregado que debera dar resultados positivos e facer encaixar as pezas de todo o grupo que temporalmente habitamos os espazos. Trátase dunha loita entre o ser e o estar, entre o estar e o ter, e provoca tal perturbación e desorde que chega a producir grandes depresións persoais e sociais que, agora, todos culpabilizan na economía. Anque sexa unha agresión ao reparto de bens e de beneficios, onde os máis ricos queren máis e limitan o ben da maioría para acadar satisfacción á súa ansia ilimitada, mentres se lles consinta, claro. A crise humana e social deste ir e vir constante, desta falta de conxugación do verbo “compartir” a cambio do verbo “acumular” é o que está sumindo na pobreza a tanta xente, a que conduce a este movemento masivo de refuxiados que foxen da fame e da dor, das guerras e da inxustiza. Son riscos comprobables que derivan –como non- na limitación das liberdades básicas. Cando sería máis doado, repercutisen no beneficio dos máis ricos. Pero non aprendemos e deixamos que este abuso de poder ameace a paz mundial e se manifesta sibilinamente mentres aqueles, os que tanto gañan –ou quizais rouban- están amparados por leis de dereito e de mercado. Todo isto empeza suavemente, confabulando vontades, reafirmando fronteiras separadoras e muros de contención. Aparecen líderes salvadores do seu propio, que abandeiran os rexeitamentos e as mortes dos outros. Erguen a voz enfermiza pola ansia desmesurada, coma posuidores da razón absoluta, coa paranoia exhibicionista do seu veredicto, coa arrogancia estúpida como argumento –sen pensar que é sinónimo da propia ignorancia, nestes casos. Arman profecías do caos e de aí que se persiga aos “diferentes”, baixo calquera escusa. A culpa sempre é dos outros, non existe a autocrítica, definitivamente a culpa e dos demais! Todos os outros son inimigos, e aí están predicando unha cousa e facendo o que lles dá a gana, cando lles dá a gana: non fan nada ao xeito nin deixan facer. Empregan o auto engano e a divulgación reiterativa da mentira para convencer ás masas informes que sempre comulgaron con todo o que lles botan. Tapan así as súas faltas de ideas e gañas de cara a outra orde social, outro sistema que puidese ser máis xusto e amparar a todos. Non interesa, chega con alimentar promesas de paz, só de palabra. Tamén invitan a ese benestar social que non se acada, …mentres destrúen os dereitos acadados. A única confianza que poderemos ter é que se equivoquen ou que morran de éxito. Hai outra, algo máis comprometida pero esixe defendernos delas, sen deixarnos levar dos cantos de serea e sen caer nos erros da desmemoria.

Baldomero Iglesias Dobarrio, Mero.

Mestre e músico.