Cacabelos | Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, participou na localidade leonesa de Cacabelos na XVI edición das Xornadas Martín Sarmiento, organizadas no marco das celebracións do Día do Galego no Bierzo pola Comisión Cultural Martín Sarmiento co apoio da Xunta de Galicia e da Junta de Castilla y León, entre outras entidades.
A celebración, que xira arredor do aniversario do ilustre berciano Frei Martín Sarmiento o 9 de marzo, reuniu como cada ano arredor dun milleiro de estudantes de lingua galega do Bierzo, que se deron cita no Cine Faba para comezar a xornada festiva.
Alí, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, acompañado de varios representantes locais e autonómicos, expresou a súa satisfacción “polo interese que a lingua galega esperta máis aló das nosas fronteiras, especialmente na xente nova, que aposta por formarse nela e garantir o seu futuro nestas terras”.
Programa de promoción do galego
A primeira parte da xornada estivo orientada ao estudantado de secundaria e da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada adscrito ao Programa de promoción do galego no Bierzo e Sanabria, que reforza os vencellos históricos entre as dúas comunidades autónomas.
Os asistentes empezaron a traballar nunha proposta didáctica arredor do Dicionario do Galego do Bierzo, da autoría de Sara Rodríguez Fernández, co obxectivo de difundir os contidos do volume e ampliar o número de entradas desta primeira edición.
De seguido, uniuse a rapazada dos centros de Primaria para asistir á entrega da IV edición do Premio Morales, que conta co patrocinio da Consellería da Cultura, Educación, FP e Universidades. Este certame promove a creatividade artística e literaria en lingua galega dos escolares ao tempo que homenaxea ao autor berciano Antonio Fernández Morales, precursor da escrita en galego en Castela e León.
O acto, que estivo amenizado pola actuación musical de Paco Nogueiras co espectáculo C@nto contigo, continuou coa presentación das novas seccións da páxina web ogalegonobierzo.org, impulsada co apoio da Xunta, e o anuncio da convocatoria da V edición do Premio Morales. A xornada pechouse cunha mesa de debate na que se reuniron autoridades, docentes e diferentes entidades culturais para realizar un seguimento das actividades levadas a cabo e concretar novos compromisos coa lingua galega no Bierzo.
A celebración do Día do Galego no Bierzo está dirixida fundamentalmente á comunidade educativa dos 19 centros -18 en León e un en Zamora- adscritos ao Programa de promoción da lingua galega neste territorio galegofalante do exterior, xurdido da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Junta de Castilla y León, iniciada no ano 2001. Deles, 14 son colexios e catro son institutos, ademais da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada.