Lugo | Iñaki Zubizarreta, ex xugador de baloncesto, narrou ante máis de 400 escolares lucenses a súa experiencia ante o problema do bullying, primeiro como vítima e agora como colaborador activo na axuda a rapaces e rapazas que pasan pola mesma situación.
A conferencia tivo lugar no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Lugo e participaron alumnos e alumnas dos institutos Muralla Romana, Anxel Fole, Sanxillao e Leiras Pulpeiro. Trátase do primeiro acto do ciclo Luz ó deporte, que impulsa a Xunta en colaboración coa Fundación Breogán e Abanca no marco da programación do Xacobeo 21-22.
Zubizarreta é un recoñecido xogador da ACB, que militou nos equipos: Baskonia, Caja Bilbao, Cai Zaragoza, Valencia, Tenerife e Huelva. Na súa infancia foi vítima de acoso escolar e sufriu vexacións por parte dun grupo de compañeiros e mesmo a incomprensión por parte dalgúns profesores.
Na actualidade colabora activamente coa ACB na campaña “Actuamos contra o Bullying”, e axuda a nenos e nenas que sofren acoso no seu Getxo natal (Bizcaia). Froito desa implicación, o deportista quixo ofrecer tamén hoxe outra charla destinada a público adulto, en especial familias, titores, adestradores ou docentes, que se celebrará esta tarde no mesmo foro a partir das 19.00 horas.
Nela, falará de forma máis directa e crítica para estes axentes que, de xeito indirecto, están involucrados no problema.
O próximo protagonista do ciclo Luz ó deporte será o atleta Tito Margaride, o 17 de outubro ás 12.00 horas; o 14 de novembro tomará a palabra a judoka Sara Álvarez, e pecharán a programación o 14 de decembro os xogadores do Breogán Erik e Sergi Quintela. Todos eles son exemplos de traballo e superación acreditados pola súa traxectoria profesional e vital.