Santiago de Compostela | Despois de catro anos, a crise xerada por mor da pandemia do covid aínda é evidente na nosa sociedade. Co fin de extraer consecuencias desta epidemia global e afrontar retos futuros, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) participa nun proxecto de investigación no que colabora con investigadores de destacadas universidades, entre as que figuran algunhas de gran prestixio como Harvard, Stanford, MIT, Cambridge ou Oxford.
O estudo coordinado desde Galicia polo investigador do CITMAga, Juan José Nieto Roig, pretende dispoñer de ferramentas para facer fronte a futuras epidemias. Baixo o título “Desafíos globais despois dun desafío global: Leccións aprendidas da pandemia de COVID-19” analízase a influencia da pandemia a través de enfoques interdisciplinares coa participación de científicos de primeira liña mundial.
“Queremos compartir colectivamente os nosos puntos de vista sobre a pegada da pandemia e debater os retos aos que se enfronta a comunidade internacional”, explica Nieto Roig, investigador do CITMAga. No proxecto colaboran investigadores do Instituto Broad do MIT e Harvard, da Universidade de Stanford de EE.UU., da Universidade de Cambridge e da Universidade de Oxford do Reino Unido, entre outros. A enfermidade por coronavirus non só afectou a vidas individuais, senón tamén ao mundo e aos sistemas globais, tanto naturais como artificiais. “Ademais dos millóns de mortes e problemas ambientais, a rápida propagación da infección e o seu elevado impacto socioeconómico afectaron á atención sanitaria, a situación económica e a riqueza, e a saúde mental das persoas de todo o planeta”, sinala o investigador.
Un enfoque interdisciplinar, clave para combater futuras epidemias
“A pandemia está determinada por axentes médicos, sociais e económicos, por iso debemos combater o virus ou futuras catástrofes mediante un enfoque interdisciplinar”, explica Juan José Nieto Roig.
O estudo presenta solucións fronte futuras epidemias, por exemplo, mediante o desenvolvemento de modelos matemáticos preditivos e o uso de intelixencia artificial que permitan determinar a evolución da mesma e detectar novos virus.
“Ao comezo da pandemia do covid non tiñamos datos, pero cos poucos que había puidemos explorar a súa evolución e crear unha simulación epidemiolóxica para alertar da previsión do pico da pandemia e anticiparnos a ela”, sinala o investigador.
Outro dos obxectivos analizados é a actualización e o desenvolvemento de vacinas de próxima xeración que proporcionen unha protección duradeira ao paciente co fin de superar as variantes do virus, neste caso do covid-19, e minimizar os efectos secundarios. Ao mesmo tempo, o estudo analiza a influencia do covid-19 noutras enfermidades, como o ictus, patoloxías cardiovasculares, o cancro ou o alzhéimer; e a súa relación coa alimentación e a obesidade.
Frear a desinformación e os bulos
Durante a pandemia, as redes sociais utilizáronse como plataforma para difundir teorías conspirativas sobre a orixe e as consecuencias do covid-19. Un dos aspectos analizados neste estudo foi a desinformación e os bulos que foron publicados durante estes anos, moitos relacionados coa fiabilidade das vacinas. “A percepción errónea da seguridade e eficacia das vacinas asociouse cunha comunicación e difusión erróneas ou inexactas, a miúdo politizadas”, apunta Nieto Roig. Como solución, os investigadores apuntan a un enfoque multidisciplinar no que a educación chegue a todos os niveis sociais para combater a desinformación. “Necesítase mellorar a forma de comunicar información sanitaria co fin de previr información errónea; a ciencia necesita ter voz propia para garantir que as minorías non se apoderen do diálogo público”, sinala.
Investigadores
O proxecto de investigación enmárcase dentro do Universal Scientific Education and Research Network (https://usern.org/) unha rede mundial de educación e investigación que ten como conselleiros a máis dunha ducia de Premios Nobel en todas as áreas, entre as que figura o profesor da USC e coordinador en Galicia deste estudo, Juan J. Nieto Roig, como membro do Consello Consultivo.
Juan J. Nieto Roig tamén é membro do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) e líder do grupo de investigación Ecuacións Diferenciais Non Lineais da Universidade de Santiago de Compostela, composto na actualidade por vinte membros, e no que colaboran persoas doutras universidades galegas, españolas e internacionais. Podes consultar o artigo no seguinte enlace https://doi.org/10.1007/978-3-031-61939-7_1