EU Ponteareas confirma a súa postura sobre a inviabilidade do PXOM

O informe da Consellería de Medio Ambiente da a razón ao defendido por EU

Ponteareas/EU | O Informe da Consellería de Medio Ambiente sobre a aprobación inicial do PXOM de Ponteareas, aprobado cos votos a favor de BNG, PSOE, PP, a abstención de ACiP e ARDT e o voto en contra de EU-son é contundente. O Plan precisa cambios en relación á superficie edificable, as clasificacións, o número de vivendas previsto, a tipoloxía das edificacións, correccións ao establecer a zona de policía de canles ou incluír coma Solo Rústico de Protección Forestal a totalidade dos terreos incendiados. Deste xeito, as modificacións esixidas afectan a solo urbanizable, solo industrial, núcleo rural ou solo rústico.

Ademais, as novas infraestruturas contempladas cuxo financiamento se atribúe a outras administracións, non contan coa conformidade das mesmas, tal e coma esixe a Lei de Ordenación Urbanística. Este feito foi advertido no seu momento por ESQUERDA UNIDA e agora confirmado polo informe da Consellería.

 

O informe da Consellería de Medio Ambiente da a razón á posición de EU con respecto ao PXOM. Esta organización, que votou en contra da aprobación provisional do Plan, xustificou a súa postura por consideralo agresivo medioambientalmente e contemplar un aumento da edificabilidade non acorde coa actual tendencia demográfica de Ponteareas.

A cantidade de correccións esixidas pola Consellería é considerable, o que obrigará a reformar boa parte do PXOM.

Para ESQUERDA UNIDA, as modificacións contempladas no informe da Consellería son de tal magnitude que -unha vez redactadas- o Plan deberá expoñerse publicamente e abrir un novo período de alegacións de acordo coa LOUG.

Resulta lamentable que a día de hoxe e con uns 100 mil euros investidos, Ponteareas segue sen PXOM polo empeño de aprobar un plan que prioriza o aumento da edificabilidade sobre calquera outra consideración.