Dicía Nelson Mandela que unha boa cabeza e un bo corazón fan moi boa combinación e Ana ten as dúas cousas. Todos sabemos cal é a súa ideoloxía, non a esconde. Porén unha Presidenta da Xunta non pode ser un monicreque, porque sería degradar a propia institución.
A persoa que ocupe ou pretenda ocupar a Presidencia da Xunta debe ter marxe de manobra para, dacordo coas súas capacidades e circunstancias, enfrontar a realidade e intentar mellorala con éxito. Dacordo que non temos soberanía e que desde Madrid poden limitar e torpedear o labor do Goberno e do Parlamento, como tañen feito tantas veces…
Porén, aínda así, desde a institución da Xunta pode e débese actuar para construír Galiza e mellorar a vida da xente. Son moitas as tarefas pendentes, que si desenvolveron en Euskadi e Cataluña… Xa só parar, paliar ou revertir a desfeita actual sería moi positivo…
Eu non gosto das revolucións violentas e -ao igual que a maioría do pobo- só as xustifico cando se chega a unha total desesperación e imposibilidade para avanzar.
Son tantos os apoios internos e externos de Ana Pontón que supoñen unha esperanza e unha garantía de que non deixará de estar arroupada e acompañada no labor colectivo de facer valer Galiza e de poñer os intereses da xente en primeiro lugar.
“Son tantos os apoios internos e externos de Ana Pontón que supoñen unha esperanza e unha garantía”
O BNG non é unha organización personalista e tod@s sabemos iso perfectamente; porén a portavoz nacional -e todas/os- ten que sentirse agusto para dar o mellor de si.
Polo demais, a estratexia de encirrar e queimar á xente -fóra de momentos puntuais de crítica ou indignación honesta- pode producir o efecto contrario ao desexado e non estamos para perder a ilusión xerada, digo eu…
Iso xa o farán desde Madrid e desde a dereita españolista, que se lles dá moi ben…