Salvaterra de Miño | A través deste plan de envellecemento activo na raia levaranse a cabo actividades dinamizadoras para os nosos maiores. Esta mañá tivo lugar a reunión de traballo da Eurocidade Monção-Salvaterra de Miño para o proxecto REDE_GOV_MINHO despois de que fora concedido a través da AECT Río Miño.
O proxecto piloto financiado con fondos Interreg Poctep cun total de 85.000 euros para a eurocidade permite o desenvolvemento de diferentes actividades para o envellecemento activo.
Este plan, dirixido a persoas de máis de 65 anos da Eurocidade Monção-Salvaterra de Miño, conleva accións que fomentan a súa autonomía como a realización de eventos, actividades como a creación de grupos de conversación e prensa, ximnasia, xogos, actividades de estimulación, saídas grupais ou excursións conxuntas.
Conscientes das necesidades da poboación maior de 65 anos que actualmente no noso municipio supera as 2000 persoas, con este programa búscase promover medidas que favorezan a súa integración social e melloren a súa calidade de vida. Para estas iniciativas o Concello de Salvaterra de Miño consegue máis de 40.000 euros cos cales se poderá sacar adiante este proxecto que dará comezo o vindeiro ano.