Tui | O Teatro Municipal de Tui acolleu hoxe a presentación pública da Estratexia e Plan de acción 2030 da Eurocidade Tui-Valença. O evento estivo presidido polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e polo presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira.
Coa presentación de hoxe conclúe o proceso de elaboración da Estratexia 2030 para a Eurocidade Tui-Valença liderada polo Concello de Tui e a Câmara Municipal de Valença no marco do proxecto europeo Unicidade, aprobado con cargo ao programa de cooperación Interreg VAI España–Portugal 2014-2020 e cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
Esta Estratexia supón un fito destacado para a Eurocidade que, tras a súa constitución no 2012, aspira agora a reforzar a cooperación e o crecemento sostible nos próximos anos, profundando nas relacións institucionais que existen desde hai máis dunha década entre ambos municipios. Impúlsase así un modelo de cidade transfronteiriza, integradora, sostible, atractiva e dinámica, cunha estrutura de gobernanza e xestión propia, que optimiza os seus recursos a través do uso compartido de servizos e equipamentos municipais, mellora a calidade de vida da súa poboación, saca proveito dos seus valores patrimoniais e minimiza o efecto fronteira para a consolidación dunha identidade común europea
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salientou a singulariedade deste territorio no que a poboación interactúa diariamente en todos os ámbitos e facetas da vida. O que representa “unha enorme riqueza e unha enorme oportunidade que todos e todas temos o deber de aproveitar”. Nese senso lembro que a Axenda Urbana de Tui, presentada hai uns días, “xa tivo coma premisa recoller a enorme influencia que Valença ten no noso día a día en Tui”.
Afirmou Enrique Cabaleiro que a Eurocidade “foi un primeiro paso para este territorio” e neste momento Valença e Tui, polo que significaron historicamente polo que significan temos que aspirar a dotarnos de máis órganos que nos permitan traballar de forma independente e seguir consolidando esta extraordinaria relación”.
Pola súa parte o presidente da Cámara de Valença, José Manuel Carpinteira, indicou que “a personalidade xurídica da Eurocidade, o carné do cidadá, e o estatuto de traballador transfronteirizo deben marcar a nosa axenda, así coma a mobilidade” con especial atención ao reforzo do transporte ferroviario.
Xosé Lago, coordiandor POCTEP da Xunta, salientou coma “a Eurocidade Tui-Valença é un exemplo claro de colaboración a nivel institucional e cidadá” engadindo que “a auga que rega esta colaboración son os fondos europeos. Este proxecto Unicidade é o máis emblemático” Tamén afirmou Xosé Lago que a Estratexia da Eurocidade presentada hoxe “encaixa perfectamente na nova convocatoria do Interreg VI publicado o pasado dia 5 no BOE”.
A Estratexia consta dunha análise e diagnóstico territorial da Eurocidade, xunto cun marco estratéxico, de acción e de implementación para a súa materialización no horizonte 2030. A batería de accións propostas, clasicadas segundo o seu nivel de prioridade, distribúense en 6 áreas temáticas clave: gobernanza transfronteiriza e xestión conxunta de servizos transfronteirizos, desenvolvemento económico e innovación territorial, urbanismo e infraestruturas, medioambiente e enerxía, reto demográfico e benestar social, e dixitalización. Na web oficial pode accederse a material divulgativo sobre a Estratexia, incluíndo un resumo executivo.
O respaldo cidadán á Eurocidade Tui-Valença quedou patente nos resultados da enquisa realizada, onde un 94% dos consultados considera que a cooperación transfronteiriza entre Tui e Valença debe ser reforzada nos próximos anos, ou onde un 80% considera que a cooperación é moi ou bastante relevante para o desenvolvemento socioeconómico do seu municipio.
Este mediodía neste workshop tamén se presentou a plataforma dixital de xestión de servizos compartidos e a páxina web oficial da Eurocidade Tui-Valença –www.eurocidadetuivalenca.eu– impulsada pola Câmara Municipal de Valença e o Concello de Tui, como un dos resultados do proxecto Unicidade. Pretende ser unha ferramenta que facilite o acceso dixital a equipamentos deportivos e culturais, a reserva e inscrición en eventos e a dispoñibilidade de información sobre a vida cotiá das dúas cidades.
Á presentación de hoxe asistiron diversos axentes públicos, privados e do terceiro sector que durante os últimos meses participaron na elaboración da Estratexia a través de entrevistas, grupos de traballo e unha enquisa cidadá que alcanzou a 650 residentes de Tui e Valença.
Zona Franca inicia workshops do Plan Estratéxico da provincia
Zona Franca de Vigo acaba de iniciar en Tui os workshops, mesas de traballo, do Plan estratéxico da provincia, nos que se reunirán a axentes sociais e económicos de cada área, para completar a análise coas súas achegas.
En Tui reuníronse nunha mesa de traballo axentes da propia cidade tudense, así como da Guarda, O Rosal, Tomiño, Ponteareas e A Cañiza, dentro da análise de Baixo Miño, Condado e Paradanta.
O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades, destacou “o traballo que se realizou ata o de agora, con entrevistas persoais a 35 axentes e a análise de 9 iniciativas de éxito que servirán como modelo. Agora a folla de roteiro continúa e trátase de focalizarse e recoller ideas”, explicou.
Ao workshop de Tui asistiron alcaldes e alcaldesas de Tui, A Guarda, O Rosal, Tomiño, Ponteareas e A Cañiza, así como representantes empresariais do sector da flor cortada e vitivinícola. Estas mesas de traballo foron deseñadas para identificar liñas de traballo e proxectos que dean resposta os retos demográficos, económicos e de desenvolvemento sostible aos que se enfronta a provincia. Ao longo das próximas semanas reuniranse mesas tamén en Pontevedra, en Silleda para a área de Tabeirós-Terra de Montes-Deza, en Cambados para a área de Salnés e Caldas, en Moaña para a área Vigo-Morrazo e en Baiona para o estudo da área do Val Miñor. Estas consultas aos axentes, complementa un diagnóstico global e pormenorizado por división económica no que se recolle a situación social e económica da provincia, así como as oportunidades e principais desafíos para os próximos anos. De todas estas achegas sairá un documento de liñas estratéxicas e posteriormente o plan operativo con accións concretas.
O Plan Estratéxico de Pontevedra pretende ser un dos piares crave sobre os que se asintan o crecemento económico, tanto da provincia, como de cada unha das divisións económicas que a conforman. David Regades subliñou no encontro que “para o Consorcio da Zona Franca de Vigo, é prioritario contar co máximo consenso de todos os axentes e concellos de cada unha das divisións económicas da provincia, polo que, na elaboración deste plan, están a participar ademais das administracións municipais, os axentes sociais, as principais entidades empresariais, así como o tecido empresarial”.