Evento virtual para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down

Este 21 de marzo para reivindicar os seus dereitos

Santiago de Compostela | No marco do Día Mundial dá Síndrome de Down este 21 de marzo, as entidades Down en Galicia programaron un acto institucional en formato virtual, no que as persoas pertencentes ao colectivo volveron, un ano máis, a reivindicar os seus dereitos.

O evento contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia e coas actuacións de Tanxugueiras e Orquéstraa Cinema O Premio Extraordinario Down Galicia foi outorgado a todas as persoas pertencentes ao Movemento Down en Galicia, polo esforzo mostrado durante a crise sanitaria Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2021. Un acto virtual foi a opción escollida polo Movemento Down en Galicia para conmemorar un novo Día Mundial da Síndrome de Down en tempos de pandemia.

Nun evento que mesturou unha parte lúdica e outra institucional, as persoas con trisomía 21 foron, unha vez máis, as verdadeiras protagonistas, reclamando novamente os seus dereitos e defendendo a riqueza dunha sociedade diversa e plural. “Merecemos as mesmas oportunidades que o resto da sociedade e que nos deixen desenvolver as nosas capacidades. Queremos vivir nunha sociedade que respecte a diversidade e que inclúa a todas e todos, sen excepción”, demandaron.

Para conducir este acto conmemorativo, a Federación Down Galicia tivo a sorte de poder contar con Irene Rodríguez-Toubes e David Aldrey, dous novos membros do Movemento Down que foron dando paso ás distintas actuacións e persoas convidadas neste evento tan atípico.

A benvida correu a cargo de Delmiro Prieto González, presidente de Down Galicia, que comezou a súa intervención aclarando que “o Día Mundial da Síndrome de Down é un día de celebración, pero tamén de reivindicación daqueles dereitos que, por un motivo ou outro, ven vulnerados”. Nesta ocasión, o presidente de Down Galicia quixo poñer o foco do seu discurso na educación, da que dixo que “ou é inclusiva ou non é educación” e destacou que “unha sociedade que mira ao futuro non pode permitirse vivir máis tempo nunha situación de segregación ou de exclusión educativa”.

Prieto finalizou a súa participación no evento dando as grazas a todas as persoas asistentes e, sobre todo, ás persoas con síndrome de Down, por ser quen empuxa e traballa para cambiar o seu destino.

O acto tamén contou coa intervención do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, quen destacou o esforzo diario mostrado polas persoas con síndrome de Down e as súas familias, de quen dixo que son “un exemplo para seguir para toda Galicia nun momento onde necesitamos referentes de superación” e destacou que “o que realmente limita non son as supostas discapacidades, senón os prexuízos”.

Feijóo remarcou que “nin sequera a pandemia logrou frear un proceso imparable: que as persoas con síndrome de Down conquisten cada vez máis espazos da nosa sociedade” e que “todos estes avances chegan para quedar e non teñen volta atrás”. Ademais das intervencións institucionais, o público do evento puido gozar coas estupendas actuacións de Tanxugueiras e de Orquéstraa Cinema, que non quixeron perder a oportunidade de conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down interpretando senllos temas reivindicativos.

A través da súa canción “Desposorio”, Tanxugueiras quixo destacar o importante papel da muller na sociedade actual, mentres que a Orquestra Cinema interpretou o tema “ Quero ser coma ti”, composto para a ocasión polo solista da banda, César Romero, e que visibiliza o orgullo das familias das persoas con discapacidade e encomia a importancia da diversidade.

Pero o momento máis importante do acto chegou preto do final, cando dez persoas usuarias de entidades Down en Galicia alzaron a súa voz e reclamaron os seus dereitos en nome de todo o colectivo.

A través do Decálogo pola Inclusión, as persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais deixaron ben claro que queren unha atención temperá pública e de calidade, unha educación e un emprego inclusivo, un envellecemento activo cos recursos dos que dispoñen na súa comunidade e unha atención sanitaria igualitaria e respectada. Pero, sobre todo, demandaron unha sociedade que respecte as súas decisións e que lles preste os apoios que necesitan para levar a vida que elas mesmas elixan. “Que nos deixen ser persoas autónomas e independentes, experimentar, querer, divertirnos e equivocarnos”.

 

Premios Down Galicia
Desde hai algúns anos, a Federación Down Galicia aproveita a conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down para entregar os Premios Down Galicia, que teñen por obxecto recoñecer o labor a favor da promoción da autonomía e igualdade das persoas con síndrome de Down, realizado tanto por institucións e entidades como por persoas particulares.

Neste ano tan singular, a Federación decidiu entregar unicamente un Premio Extraordinario, que recaeu en todas as familias, profesionais e persoas usuarias do Movemento Down en Galicia, pola súa gran capacidade de adaptación e polo esforzo mostrado durante a crise sanitaria derivada da pandemia da COVID-19. Grazas ao traballo e ás ganas de todas elas, as actividades das entidades Down puideron continuar levándose a cabo, evitando desta maneira un prexuízo maior que o propio confinamento para todas as persoas usuarias con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.

Iluminación dos principais monumentos de Galicia
En colaboración co Xacobeo, os principais monumentos de Galicia se tiñeron de azul e amarelo durante estes días para conmemorar o Día Mundial da Síndrome de Down. Deste xeito, a administración autonómica e o Movemento Down en Galicia quixeron unir as súas forzas para concienciar á sociedade sobre a realidade desta alteración cromosómica. Así, desde o pasado xoves e ata esta mesma noite, a cara característica do Movemento Down e a frecha do Camiño de Santiago iluminarán xuntas as sete cidades galegas para indicarnos a senda do Camiño da Inclusión.

Outras iniciativas polo Día Mundial da síndrome de Down
Este ano, a maiores do acto virtual conmemorativo e a iluminación dos principais monumentos galegos, Down Galicia decidiu apostar por varias accións de visibilización simultáneas para tentar achegar a realidade da síndrome de Down a toda a sociedade. Así, por unha banda, Down Galicia lanzou unha campaña de sensibilización en concellos, centros educativos e universidades baixo o lema “Tan diferentes como iguais”, coa que pretende poñer en valor o concepto da diferenza e dar visibilidade á idea de que ningunha persoa é igual a outra e que, precisamente, esa diferenza é a que nos enriquece como sociedade.

Por outra banda, a Federación e as súas entidades uníronse á iniciativa internacional dos calcetíns desemparellados, unha campaña que busca concienciar e apostar pola importancia da inclusión e da diversidade. Desta maneira, animábase a todas aquelas persoas que quixesen participar a sacarse unha foto vestindo calcetíns diferentes e subila ás redes sociais cos cancelos #DíaMundialSindromeDown, #TanDiferentesComoIguais e #CalcetinsDesparellos.