Tui | Un total de 95 persoas inscritas na Bolsa Municipal de Emprego de Tui incorporáronse ao mercado laboral en 2022. Representan o 53% das 180 persoas que ao longo do ano pasado foron atendidas no Servizo Municipal de Orientación.
As 108 mulleres e 52 homes que nos últimos 12 meses se achegaron a este servizo municipal recibiron orientación, información, formación e acompañamento para mellorar a súa empregabilidade. Así a técnica municipal ofrece asesoramento a estas persoas para definir ou redefinir o seu obxectivo profesional, elaborar o seu currículo, acreditar a súa competencia profesional, ou acceder ás accións formativas do seu interese.
Dende o Servizo Municipal de Orientación realízase amais un labor de intermediación laboral para o que ao longo de 2022 contactaron con 276 empresas, e tramitaron 318 ofertas de emprego. Tamén de forma directa impartiron talleres para a elaboración do currículo así coma de novas tecnoloxías para a Busca Activa de Emprego.
Pero amais dentro do Programa Municipal de Formación, co obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas en procura de emprego, impartíronse distintas accións formativas coma un curso de Manipulación de Alimentos e Análise de Perigos e Puntos de Control Crítico, ou de Operario/a de Loxística con dous módulos de Xestión de Almacén e liña de produción e de Manexo de Carretillas Elevadoras.
A concelleira de Formación e Emprego, Ana Núñez, salienta coma o obxectivo deste servizo municipal é “mellorar a vida da veciñanza que está en proceso de busca activa de emprego, a través da xestión de perfís axeitados da bolsa de emprego municipal, para facilitalos ás empresas que contan con procesos de recrutamento abertos”.
Engade que a incorporación de case un centenar de persoas ao mercado laboral, grazas ao labor do Servizo de Orientación, constata que “esta é unha das políticas activa coas que se consigue maior retorno en materia de emprego”.
Amais deste servizo directo e personalizado para cada persoas demandante de emprego o Concello de Tui traballa tamén ao longo do ano por mellorar a empregabilidade das persoas que están en busca activa de emprego. Así amais da accións realizadas a través do Plan Municipal de Formación, solicita tamén a outras administracións e entidades a realización na cidade de actividades formativas.
Este é o caso dos cursos de formación que comezarán no mes de febreiro de “Instalación de Elementos de Carpinteiría” e de “Venda de produtos e servizos turísticos” que foron concedidos pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Este departamento autonómico concedeu tamén ao concello de Tui un Programa Integrado de Emprego no que até o mes de novembro van participar un centenar de persoas. Por outra parte dende o pasado mes de outubro 20 persoas fórmanse no obradoiro dual de emprego ‘Senda peonil río Furnia’ que conta cun ano de duración.
Amais cómpre lembrar que no Centro Municipal de Formación, en Guillarei, está situada a Aula Mentor, posta en marcha, grazas ao convenio asinado entre o Concello de Tui e o Ministerio de Educación y Formación Profesional, no que se poden realizar unha ampla variedade de cursos de distintas áreas. Tamén se realizaron tres edicións do curso de Competencias Dixitais para mulleres en colaboración con Galegas Dixitais.
As persoas interesadas poden contactar do Servizo Municipal de Emprego no Centro Municipal de Formación en Guillarei, de luns a venres de 9 a 14 h previa cita no 986 60 32 28.