Ames | A festa final do AmesON 2021 foi todo un éxito. Foron tres horas de espectáculo que lle souberon a pouco aos 950 afortunados que se fixeron cos convites para o último dos trece concertos programados para promocionar o comercio local.
Os asistentes e o Milladoiro ao completo vibraron coa actuación das tres gañadoras do concurso Canta con Ames e da orquestra París de Noia. Ante un público entregadisimo Carmen, Lara e Noelia demostraron o porqué se alzaron como gañadoras do Canta con Ames. Pola súa banda, a París non defraudou coa súa Xira do Camiño.
A Concellaría de Promoción Económica lanzou este verán un novo AmesOn con trece concertos programados ao longo dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro para promocionar o comercio local. O peche, deste ambicioso programa, foi o pasado venres 3 de setembro no Milladoiro coa actuación da orquestra París de Noia e das tres gañadoras do concurso Canta con Ames.
O evento, presentado por Diego Moreira, cantante da París de Noia, comezou ás 9.30 horas. Tras pasar as catro fases do Canta con Ames e converterse nas mellores voces do verán as gañadores do Canta con Ames subíronse ao escenario cheas de enerxía e de gañas de demostrarlle ao público o seu talento pero, sobre todo, de gozar da noite tan especial que lles brindou o Concello de Ames.
Foi Carmen Cuevas, a gañadora da categoría infantil, a encargada de abrir a noite con “Nana triste” de Natalia Lacunza. A continuación chegou a quenda de Lara López, gañadora da categoría xuvenil, que co “Benditas Feridas” de Rosa Cedrón sorprendeu a todos os asistentes. Por último, Noelia Bellas, gañadora da categoría senior do Canta con Ames, interpretou “El Sol no regresa” de La Quinta Estación.
No segundo pase as gañadoras do Canta con Ames interpretaron “Un año” de Sebastian Yatra, “Zombie” de The Canberries e “Hoy quiero confesar” de Isabel Pantoja respectivamente. Nesta segunda actuación Carmen, que sorprendeu aos asistentes pedíndolle que lle chamen “Morix”, foi ovacionada polo público mentres cantaba a capella. Lara, tamén a capella, encandilou aos asistentes co poderío e o desgarre da súa voz.
Mentres Noelia, que sorprendeu cun vestiario polas amesás de Badaladas Collection, rematou dicindo “o mellor premio do concurso foi cantar hoxe aquí, nós non traballamos disto pero soñabamos con algo así. Moitas grazas por todo o cariño que recibimos, estamos moi orgullosas de formar parte disto”.
A xira do Camiño da París de Noia
A París de Noia fixo o propio e conquistou a todos e cada un dos asistentes. O público vibrou nos seus asentos, cantou, coreou, bailou pero, sobre todo, desfrutou co espectáculo que durante dúas horas lles brindou a París de Noia. Nun espectáculo moi visual e para todos os públicos a París interpretou temas de grandes artistas coma Jennifer López, Queen, Beyonce ou ABBA.
A orquestra tamén fixo un percorrido polas mellores cancións do pop español de todos os tempos e pola música en galego con temas dos Tamara ou Xoán Pardo entre outros. Mención a parte merece o espectáculo de Disney onde ao longo de 15 minutos interpretaron os temas emblemáticos dos musicais infantís.
A ovación foi máxima cando a gran cantidade de público infantil puido ver e escoitar sobre o escenario aos seus personaxes favoritos.
A música e o baile estivo acompañada das performance realizadas polo seu elenco de acróbatas e bailaríns, coa particularidade que define á París de Noia na súa posta en escena con pirotecnia fría, láser, canóns de confetis e inchables.
Agradecementos
A noite comezou coas intervencións do alcalde, Blas García, e da concelleira de Promoción Económica, Ana Paz.
O alcalde quixo agradecer o traballo e o sacrificio de todo o persoal do Concello de Ames por realizar ao longo do verán todas as actividades programadas. Mención aparte a dedicada a Ana Paz, concelleira de Promoción económica e creadora do AmesON e do Canta con Ames e a Marcos Valcarcel pola súa axuda e asesoramento.
Ademais, Blas García non quixo esquecerse do resto da corporación “quero darlle as grazas a toda a Corporación Municipal por apoiarnos e crer nesta forma de apoiar ao comercio local, á hostalaría, ao sector da verbena e a todos os veciños e veciñas de Ames a través do AmesON”. García engadiu “eventos coma este demostran que a cultura é segura.
Nun momento tan complicado económica e sanitariamente as administracións temos que seguir facendo este tipo de actividades. A verbena forma parte da nosa cultura e son moitas as empresas implicadas: músicos, técnicos, iluminación, pirotecnia, hostaleiros, etc por iso toda a Corporación de Ames vai seguir apostando por este tipo de eventos”.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Paz, tamén aproveitou a ocasión para agradecer todo o traballo realizado aos seus compañeiros, a Marcos Valcárcel, a Mirabelle Comunicación, a Víctor Hugo por sacar fotos e vídeo en directo, á Policía Local, a Protección Civil e á Garda Civil pero, sobre todo, aos asistentes “quero agradecer a todo o público que esteades hoxe aquí apoiando a cultura, o comercio, a hostalaría e a estes grandes artistas”. Especialmente emocionada lembrou a José Miñones por poñerlle nome ao AmesON e a Blas García por apostar polo Canta con Ames e polo AmesON.