Pontevedra | A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia mantén intacto o seu tremendo tirón. Deste xeito, en só catro días xa se esgotaron as 90 prazas dos seis cursos que ofrecerá este ano a Escola, e hai unha importante lista de agarda con medio centenar de persoas. Unha magnífica acollida que volve amosar, tal e como sucedera o pasado ano, o gran interese da cidadanía en participar nesta actividade de formación na escrita da man dalgunhas das principais voces da literatura galega actual.
Xa o mesmo luns 1 de marzo, en que se abriu o prazo para formalizar as solicitudes, en tan só tres minutos, estaban cubertas as prazas do curso “Escribir unha novela” que ofrecerá Anna R. Figueiredo, que este ano se incorpora á Escola, entre setembro e decembro. Unha hora despois quedou tamén completo o Obradoiro Literario que ofrecerá Inma López Silva.
O cartel de completo colgouse a primeira hora desta mañá, aínda que a inscrición segue aberta e as persoas interesadas poden seguir anotándose, por se se producen baixas. Os cursos desta segunda edición da Escola de Letras desenvolveranse entre marzo e decembro nas sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo –en principio de xeito presencial, aínda que se a situación sanitaria o require desenvolveranse de xeito telemático- en horario de 18 a 20 horas.
A escritora Inma López Silva iniciará as actividades o vindeiro día 15 en Vigo, co seu Obradoiro Literario, que continuará nesta sede os días 22 de marzo; 12, 19 e 26 de abril e 3, 10 e 24 de maio. A autora ofrecerá o mesmo curso en Pontevedra os días 17 e 24 de marzo; 14, 21 e 28 de abril e 5, 12 e 19 de maio. Posteriormente, en xuño Antonio García Teijeiro ofrecerá os días 2 e 9 en Pontevedra o seu Obradoiro de Poesía, mentres que en setembro será Anna Figueiredo impartirá o curso “Escribir unha novela”, en Vigo os días 15, 22 e 29 de setembro; 6, 13, 20 e 27 de outubro e 3 de novembro.
O escritor Diego Giráldez ofrecerá en Pontevedra o seu Obradoiro Literario os días 6, 13, 20 e 27 de outubro e 3 de novembro. Para pechar as actividades da Escola este ano, Elvira Ribeiro, que tamén debuta este ano na Escola, impartirá un Obradoiro de Poesía en Pontevedra os días 2 e 9 de decembro. Amais destes cursos, a Escola de Letras tamén ofrecerá nesta segunda edición varias materclass abertas a toda a cidadanía, nas se convida a diversas autoras e autores a realizar unha clase práctica.
A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra e Editorial Galaxia é a primeira de Galicia e un dos poucos proxectos deste tipo existentes no Estado español. A iniciativa, que naceu o pasado ano 2020, busca fomentar o talento na provincia e xerar un espazo de encontro entre autoras e autores consagrados e persoas amantes da literatura galega, a través dun variado abano de obradoiros , de novela, relato ou poesía, para todas as idades.