Tui | Desenvolvida entre febreiro e outubro, a campaña turística da Ruta do Río Miño pechouse cun rexistro de 5.400 persoas, que participaron en 350 traxectos curtos e 100 longos.
Ademais de ofrecer estes paseos fluviais, a Ruta do Río Miño puxo en valor o diverso patrimonio natural, cultural e etnográfico de dúas eurocidades, Tui-Valença e Salvaterra-Monção, posicionando o Miño como un destino turístico único e diferenciado.
Inaugurada o 17 de decembro de 2021 e impulsada en FITUR e na BTL, Bolsa de Turismo de Lisboa, a ruta fluvial comezou a funcionar a finais de febreiro, coincidindo coa época do Entroido. Ante a demanda, en Semana Santa e verán, tivo que ampliar o seu horario.
Deste xeito, a Ruta do Río Miño ofrecía percorridos curtos, dunha hora de duración, e percorridos amplos, dunha xornada completa, con visitas aos centros históricos das catro localidades e degustación de produtos locais.
O resultado da iniciativa, concluída este 31 de outubro, foi bastante positivo, confirmando, por unha banda, o forte atractivo da comarca e, por outra, a navegabilidade do río Miño entre as dúas eurocidades. Tamén permitiu reforzar a relación entre os socios do proxecto “Río Minho: Un destino navegable”, e contribuíu a ampliar a oferta turística, cultural e patrimonial destes catro concellos bañados polo río Miño.
Dentro do proxecto “Río Minho: Un destino navegable”, apoiado polo Programa INTERREG V–A España – Portugal (POCTEP) 2014-2020, a ruta fluvial implicou ás Eurocidades así como aos seus socios: Porto e Norte de Portugal, Axencia de Turismo de Galicia e Dirección Xeral do Patrimonio Natural da Xunta de Galicia.