Expertos en prevención e seguridade laboral organizan en Expourense o programa de actividades de Previsel 2024

A 17ª edición celebrarase os días 13 e 14 de marzo

Ourense | Expourense acolleu a reunión do comité asesor de Previsel, o Salón da Prevención e Seguridade Laboral que celebrará a súa 17ª edición no recinto feiral os días 13 e 14 de marzo.

Esta reunión contou coa participación dunha vintena de expertos en prevención que fixeron as súas achegas para completar o amplo programa de actividades que Previsel ofrece en cada edición. Todas as entidades representadas no comité e que representan á administración, empresarios, traballadores, mutuas e servizos de emerxencia, participarán activamente nesta edición programando actividades formativas e mobilizando aos seus membros para que asistan ao evento.

Como é habitual, Previsel ofrecerá información especializada en prevención a través do seu programa de actividades que incluirán conferencias e obradoiros prácticos que terán como obxectivo concienciar sobre a necesidade de formación en seguridade e prevención de riscos ou enfermidades profesionais. O programa completo de actividades será publicado na web do evento www.previsel.com nos vindeiros días.

Por outro lado, Previsel 2024 contará cun área expositiva na que serán presentados produtos e servizos especializados en prevención, seguridade e saúde laboral. A participación nesta cita supón unha boa oportunidade para os profesionais do sector, pero tamén para emprendedores, traballadores, futuros traballadores, para intercambiar experiencias e actualizarse dos últimos avances nestas materias.

A esta reunión, que estivo dirixida polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, asistiron un total de 24 profesionais pertencentes a toda a cadea de axentes sociais involucrados na prevención. Participaron nesta reunión representantes das Xefaturas Territoriais da Xunta de Sanidade e de Medio Rural; de Formación Profesional da Consellería de Cultura, Educación e FP; do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA); do Gabinete de Prevención da Deputación Provincial de Ourense e da Confederación Empresarial de Ourense (CEO).

Os colexios profesionais tamén estiveron moi ben representados coa participación de membros dos Colexios Oficiais de Avogados; Médicos; Arquitectos Técnicos; Enxeñeiros Técnicos Industriais; Enxeñeiros Técnicos Agrícolas.