Ponteareas | A Feira das Ciencias puxo o broche final a unha intensa semana na que, un ano máis, o Concello de Ponteareas quixo salientar a importancia da ciencia no día a día das persoas.
Esta sétima edición destacou pola alta participación nas actividades programadas, que renderon homenaxe á chegada da radio a Galicia e á contribución da tecnoloxía e da ciencia na evolución dos medios de comunicación. Máis de vinte e cinco postos de todos os centros educativos de Ponteareas amosaron o alto grao de curiosidade da infancia e da mocidade da vila. Experimentos, investigacións, inventos e unha morea de probas e ensaios que demostraron que a ciencia está agochada en cada xesto da vida cotiá.
Aos anteriores stands sumáronse os da escritora Isabel Blanco, que asinou os seus libros, e o de Dores Pereira e Paula Lago, no que o público puido afondar nos beneficios das plantas e conversar coas autoras e ilustradoras. As e os asistentes tamén puideron xogar ás 11 Torres de Xabier Prado nun posto ateigado de xente intrigada e atrapada por este xogo.
Ponte nas Ondas emitiu en directo locutado polo alumnado dos centros educativos. A través de entrevistas a persoas senlleiras de Ponteareas rescatouse da memoria oficios antigos, tradicións, cultura, música … As alfombras ponteareás, os Ranchos de Reis, o oficio de carreteira, o ciclismo, misións espaciais, o oficio artesá de crear gaitas, avós e avoas senlleiras e o conservatorio municipal de música foron os protagonistas desta edición especial de Ponte Nas Ondas.
A alcaldesa Cristina Fernández amosou a súa satisfacción pola entrega e ilusión da comunidade educativa que apoiou, unha vez máis, a Feira das Ciencias. Cristina Fernández quixo agradecer tamén ao alumnado e profesorado do conservatorio a súa participación, “pero tamén ás nosas empresas locais que conseguiron unha nota de 10 na atención prestada a todo o alumnado ao longo destes días nos que lle amosaron a súa profesión.
Tamén quero agradecer a José Higinio, Sechu, as leccións ofrecidas no Museo do Reloxo”.
Obradoiros, conferencias, xogos e visitas nos que descubrir a pegada da ciencia na profesión do xornalismo, do deseño e da comunicación formaron parte da programación que tamén ofertou o ciclo de conferencias coa experta en comunicación Mónica Valderrama; co artista e profesor Mingos Teixeira; cos xornalistas Fernando Franco, María Xosé Porteiro e Paula Montes; e coas creadoras da produtora Illa Bufarda.