Santiago de Compostela | Organizada por Galiza Cultura , federación da que forma parte a AC. O Galo, o 5 de decembro abriuse a exposición 40 Anos do Carrabouxo. Será no Centro Sociocultural O Ensanche ás 19,30h, que durará até o 5 de xaneiro de 2024 e percorre catro décadas da obra deste humorista, a través dunha viñeta seleccionada por el mesmo desde 1982 até 2022.
Na apertura desta mostra contaremos coa presenza de Xosé Lois González Vázquez, máis coñecido como O Carrabouxo, que realizará unha pequena visita guiada á súa exposición, respostará ás preguntas dos asistentes e asinará as publicacións da súa obra que cada quen leve da súa casa.
Xosé Lois González Vázquez viviu en Osmo (Cenlle), ata que aos dez anos muda para Chantada. Estudou na universidade laboral de Zamora e fixo a carreira de telecomunicacións en Alcalá de Henares. Traballou como xefe provincial de Telecomunicacións en Ourense ata a súa xubilación en 2009, labor que compartía coa súa faceta de humorista gráfico.
Ademais, foi membro da directiva da A C. Auriense e o seu presidente durante 13 anos e recibiu a Medalla Castelao en 2008 e en 2013 o premio Bo e Xeneroso que concede a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).
Colabora nos xornais La Región de Ourense e en Atlántico Diario de Vigo e na revista Tempos Novos, coa publicación das viñetas O Carrabouxo, personaxe creado por el en 1982, cun nome que, co tempo, pasou a ser o seu pseudónimo. De entre os seus libros, sinalamos:
Ano e pico de Carrabouxos Novos chistes de Xosé Lois
Humor gráfico. Xosé Lois na transición
400 Carrabouxos mais Carrabouxos 90
20 anos de Carrabouxo Veña Carrabouxo!
A Sabeliña 318 chistes de Xosé Lois
Entre as súas publicación colectivas destacamos: O humor en cadriños. Conversas con Siro, Xaquín Marín, Xosé Lois, Gogue e Pepe Carreiro, de Félix Caballero.