Ourense | O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolle a exposición “A senda proscrita”, un proxecto composto por 43 acuarelas feitas polo pintor Alexandro, quen se inspira na obra literaria de Alberto Cacharrón para inmortalizar a historia, lendas e tradicións da Costa da Morte e o impacto do Camiño de Santiago nesa zona de Galicia.
O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou na inauguración da exposición acompañado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a comisaria da mostra, Fátima Otero; e Alexandro, Alberto Cacharrón e José Luis Teófilo -de Teófilo Comunicación, editora responsable dun proxecto formado arredor do libro “A senda proscrita”, con textos de Cacharrón e ilustracións de Alexandro.
Manuel Baltar reflexionou na súa intervención sobre a pertinencia desta mostra “neste Ourense da Xeración Nós” e describiu a Alexandro coma “un dos grandes da nosa cultura, que sinte e vive a terra como ninguén”.
O presidente da Deputación felicitou a José Luís Teófilo pola “labor que está a facer a prol da cultura de Ourense e da cultura de Galicia” e recoñeceu o traballo de Alberto Cacharrón, “porque el imaxinou ‘A senda proscrita” e de Alexandro, “porque a levou a eses debuxos que son inimitables e son unha marca de identidade que tanto nos enche de orgullo aos ourensáns”.
Valentín García recoñeceu ao autor da obra literaria que “sempre nos sorprende coas súas aventuras, camiños e escrituras” e salientou que esta exposición, “inaugurada nun templo da cultura como é Ourense, mostra a marca que Galicia ten como país e como cultura”.
Alexandro destacou que nas súas pinturas quixo mostrar “a Galicia escura e triste que era antes, e que se reproducía no Camiño de igual forma”, salientando o excelente traballo de Alberto Cacharrón. Pola súa banda, Fátima Otero defendeu que “hai que valorar desta mostra o altísimo valor antropolóxico que contén”. Unha mostra “que dota de vida ás forzas naturais da paisaxe, ao mar desatado, e ao ‘máis alá’, presentado neste traballo tan incerto como verdadeiro”.