Monforte de Lemos | José Tomé, alcalde de Monforte, inaugurou a exposición “Castelao grafista (facsímile)” no Espazo+60 Afundación de Monforte, un acto no que estivo acompañado por Óscar Rodríguez, coordinador institucional de Abanca en Lugo, Carlota Álvarez González, coordinadora do Espazo+60 Afundación de Monforte, a coordinadora institucional de Afundación en Lugo e Ourense, Beatriz Fernández-Anguiano, a primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, e a concelleira de Cultura, Marina Doutón.
A exposición, que conta con pezas procedentes das coleccións de arte de Abanca e Afundación, componse dunha escolma rigorosa de obras nas que se reflicte a evolución tanto do compromiso ético, social e político de Castelao, como dos seus recursos plásticos e a súa querenza pola ilustración.
O alcalde destacou, na súa intervención, a súa satisfacción porque Monforte acolla a obra “dun dos máis importantes intelectuais galegos da nosa historia, un verdadeiro humanista, dado que foi caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico e político.”
José Tomé amosouse coñecedor da súa faceta como político, “xa que todos os anos participo na ofrenda floral que lle facemos en Rianxo o día 25 de xullo, o día do Apóstolo e tamén o día de Galicia”.
O rexedor monfortino agradeceu a colaboración existente entre o Concello de Monforte é Afundación Abanca, “unha colaboración constante e intensa na que nos une unha motivación común: a aposta e o compromiso polo mundo da cultura e da arte. E exposicións do nivel e calidade como a que inauguramos hoxe, confirman este compromiso común.”
“Animo ós veciños de Monforte a que neste mes de setembro visiten este espazo expositivo de e se mergullen nesta coidada mostra artística, que recolle as diferentes técnicas e linguaxes empregadas por Castelao, que se plasman a través de debuxos, retratos fotográficos, caricaturas, ou portadas de revistas e libros do propio artista”, concluíu o alcalde monfortino. “Castelao grafista (facsímile)” permanecerá aberta ata o vindeiro 7 de outubro e poderá visitarse de luns a venres en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 20.00 h.