Dende hai 15 anos José Chas, fotógrafo pontevedrés, desenvolve un proxecto persoal para poñer en valor a memoria industrial galega. Un proxecto de anos que ten continuidade ao longo do tempo e que se pode seguir no blog Memoria industrial en Galicia.
“Sempre sentín atracción pola ruína industrial. Nun primeiro momento fixen un traballo fundamentalmente artístico, moi centrado na composición estética e nas cores. Pero pouco a pouco, segundo avanzaba o proxecto e ía profundizando nel, decateime de que o interese era outro. Estaba realizando, sen querer, a catalogación dun patrimonio”.
Dende o xoves 10 de xaneiro a través da exposición “Memoria industrial en Galicia” no Pazo da Cultura de Pontevedra e ata o 24 de febreiro, Chas amósanos unha selección de 20 fotografías deste proxecto, algunhas delas inéditas no blog e feitas entre 2012-2018 incluíndo fábricas localizadas nas catro provincias galegas.
Paralelamente á exposición celebrarase unha charla-coloquio aberta ao público sobre o proxecto. Abordarase a temática da memoria industrial desde unha perspectiva multidisciplinar: histórico, arquitectónico e artístico, a realizarse na Casa da Luz en 17 de xaneiro ás 19h30. Contará coa participación de Xoan Carmona Bardía, profesora de Historia e Institucións Económicas da USC; Cristina García Fontán, arquitecta e coordinadora da titulación da paisaxe da UDC e Manuel Sendón Trillo, profesor de fotografía na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
O proxecto está aberto, José Chas segue traballando. “Preciso tempo e recursos”, explica. “O proxecto está aberto. Teño moito avanzado por Pontevedra e A Coruña. Pero quédame moito por documentar. Sobre todo no interior de Galicia”.
“Teño moito avanzado por Pontevedra e A Coruña. Pero quédame moito por documentar. Sobre todo no interior de Galicia”
Finalmente podería ir máis lonxe e avanzar no desenvolvemento dun catálogo ou libro fotográfico con todo o material.
Pazo dá Cultura de Pontevedra ata o 24 de febreiro de 2019
- Luns, pechado.
- Martes a venres de 18 a 21h.
- Sábados de 12 a 14 e de 18 a 21h.
- Domingos de 12 a 14h.