Madrid | As salas A e B da Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acollerán ata o día 26 deste mes a exposición de pintura e escultura “KONTRAKORRIENTE”, na que a artista coruñesa afincada en Madrid Pilar Santos, capaz de expresarse en múltiples e variadas manifestacións incluíndo a música (piano, contrabaixo, canto…), ofrece nesta mostra un amplo conxunto de obras “escultopinturas- que destacan pola súa cor, inspiración, creatividade, composición, trazos, humor, sorpresa, tenrura…
O acto de inauguración correu a cargo do coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, quen o fixo en nome do delegado da Xunta en Madrid e director da Casa José Ramón Ónega. Nas súas palabras, Jiménez destacou as amplas e múltiples capacidades da autora, quen ademais de pintora e escultura tamén é ceramista, profesora de arte e de música (toca piano, contrabaixo e canta). “De feito, o seu pincel é musical”, dixo, e así, “as esculturas que trouxo á Casa, na sala B parecen ademais dun bosque de marabillosos e poderosos tótems, un auditorio de música”.
Santos ofrece nos seus “esculturas pintadas, ou escultopinturas se o prefiren, lixeiras e verticais, aéreas como frautas anxelicais que a min suxírenme os tubos dalgún órgano naufragado cando interpretaba a Bach e que Pilar rescatou para devolvelos, aínda que reconvertidos a outra dimensión, ao seu labor de transportar o espírito. Si, tubos sonoros que parecen arrolarse no longo horizonte da nosa mirada como espigas ao vento”.
E engadiu que “Pilar Santos xogou con liñas, volumes, cores e texturas, froito da súa curiosidade cara ao descoñecido, 20 anos despois da súa primeira exposición nas nosas instalacións. E é que foi exactamente hai 20 anos, en febreiro de 1997, cando nos sorprendeu cunha exposición de pintura, titulada O fío de Ariadna, na que había tamén música e na que sobre todo chamaban a atención os cogomelos tan divertidos e desenfadados que pintaba. Desde entón Pilar xa foi para min, para sempre, a pintora dos cogomelos. É por tanto unha satisfacción vela agora regresar, que casualidade que outra vez en febreiro, con estas novas obras que a rexuvenecen, máxicas como frautas chovidas do ceo da súa imaxinación e da súa consagración como artista incansable, entre as que aínda se pode atopar algún cogomelo para recordo dos vellos tempos”.
Pola súa banda, Pilar Santos explicou como xurdiu este traballo, inspirándose nun tubo redondo de cartón que atopou cando estaba a dar un paseo. “De aquí ten que saír o meu novo traballo pictórico”, díxose e tras un ano e medio de peche e coa forza do seu entusiasmo, converteu o tubo alongado e alto en arte. E explícao: “Nas miñas difíciles esculturas e con lapis en man collo un grafito e comezo a debuxar e medir os bosquexos para plasmalos no cadro, (como nas teclas musicais) e crear unha longa gama de cores que plasmo sobre os soportes que me invento, lembrando as miñas propias vivencias, viaxes, pintores, lugares… principalmente museos auditorios e unha chea de cousas máis, de aí sae o amor que sinto por dúas almas xemelgas como son a pintura e a música dentro dun profundo silencio, e esforzo mental”. Noutro momento mostrou os seus desexos de que “Oxalá se coñecesen as miles de horas que un dedica a unha arte tan pouco protexida para poder vivir dela dignamente”.
E concluíu xa pensando na próxima mostra. “O traballo foi apaixonadamente enorme e pola miña cabeza xa está a roldar a próxima exposición, que como todas será moi diferente. Espero facer formatos mais fáciles e menos custosos” así é o mundo da arte!”, exclamou.
A exposición, cuxas obras ocupan as salas A e B do edificio, poderá verse ata o 26 de febreiro, en horario de 10 a 14 e de 16 a 20 horas os días laborables. Domingos e festivos: de 10 a 14 horas.