Santiago de Compostela | “Valente e a unidade das artes” é unha exposición comisariada por Claudio Rodríguez Fer que fai visible a parte artística dos fondos da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, conformados polo importante legado do poeta en cuestión, quen fixo doazón á USC do seu arquivo e da súa biblioteca persoais, e de quen este ano se cumpre o noventa aniversario do seu nacemento.
Inaugurarase o 7 de novembro, ás oito da tarde, no salón artesonado do histórico Colexio de Fonseca (Rúa do Franco de Santiago de Compostela), onde permanecerá aberta ata o 4 de xaneiro. Ademais do citado profesor e poeta lucense, intervirán María do Mar Lorenzo Moledo, vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC; Gumersindo Guinarte, tenente de alcalde do Concello de Santiago de Compostela, e Salvador García-Bodaño, poeta e presidente do Ateneo de Santiago.
José Ángel Valente (Ourense, 1929 – Ginebra, 2000), Doutor Honoris Causa pola USC, onde estudou un curso, foi un verdadeiro escritor universal que se caracterizou pola interculturalidade e a interdisciplinariedade da súa obra.
En consonancia coa súa crenza na unidade das artes, Valente publicou moi importantes libros de artista con diversos pintores e escultores europeos, cuxas contribucións se expoñen completas: Antonio Saura, Eduardo Chillida, Paul Rebeyrolle, Jürgen Partenheimer, Rafa Forteza e, sobre todo, Antoni Tàpies, o autor con quen máis veces colaborou e a que se debe o logotipo da Cátedra Valente. Este diálogo perdurou tras a súa morte, pois a súa esposa Coral, Leopoldo Nóvoa ou Rafael Pérez Carrió editaron postumamente, con versos do poeta, libros de artista que tamén se expoñen completos.
A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética, fundada no ano 2000 e dirixida polo profesor e poeta Claudio Rodríguez Fer, especialista na obra do seu amigo ourensán, publicou xa unha vintena de libros contando cada un cunha ilustración debida a artistas vinculados persoal ou esteticamente con Valente, como Coral, Baruj Salinas, Sara Lamas, Leopoldo Nóvoa, Menchu Lamas, Antón Patiño, María José Santiso, Carlos Schwartz, Lola Valls, Antón Sobral ou Alejandro Vidal, pezas así mesmo expostas, á que se engadiu ademais obra orixinal dalgúns dos autores citados e de vellos amigos do poeta, como o seu conterráneo Virxilio.