Braga | A 56ª edición de AGRO, a Feria Internacional de Agricultura, Gando e Alimentación, que se celebra dende onte e ata o vindeiro domingo na localidade portuguesa de Braga, organizou hoxe o Día adicado a Galicia. A provincia de Ourense estivo representada polo xefe de servizo de Turismo da Xunta de Galicia, Cecilio Santalices, e polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
En virtude dos convenios de cooperación transfronteiriza que Expourense mantén con distintas entidades do Norte de Portugal entre as que se atopa o recinto Altice Forum BRAGA, onde se está a celebrar AGRO, Expourense conta cun stand dende o que está a promocionar as súas vindeiras citas vencelladas ó sector primario e ó turismo e nas que o mercado portugués xoga un importante papel.
Ambas as dúas entidades levan máis de dúas décadas anos colaborando para garantir a promoción dos seus recursos nos eventos organizados pola outra e que están vencellados co termalismo, a gastronomía, o turismo activo ou o viño, potencialidades que comparten as dúas áreas da Eurorrexión.
Durante a visita da comitiva oficial do día ó stand de Expourense, ofreceuse unha degustación de produtos galegos como é o caso dos viños da Denominación de Orixe Monterrei, entidade colaboradora de Expourense durante todo o ano. A comitiva local estivo integrada polo administrador da Invest Braga, Carlos Silva; polo vereador de Ambiente e Desenvolvemento Rural da Cámara Municipal de Braga, Altino Bessa; e polos responsables do recinto, José Olimpio e Henrique Martins. Tamén os acompañou o representante da Fundación Semana Verde de Silleda que participan nesta cita ao igual que Expourense.
As citas que Expourense está a promocionar en AGRO estes días son: TERMATALIA, 22ª Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar – 26 a 28 e setembro de 2024. XANTAR, 25º Salón Internacional de Turismo Gastronómico – 24 a 27 de outubro de 2024. SPORTUR GALICIA, 7º Salón do Deporte e Turismo Activo – 12 e 13 de decembro de 2024.
Con esta participación en AGRO, Expourense reforza as súas relacións de cooperación transfronteiriza especialmente enfocada ao ámbito agroalimentario e ó turismo de proximidade co obxectivo de fomentar a competitividade das empresas galegas e, dun xeito especial, dos pequenos produtores ou cooperativistas. AGRO é unha cita que desenvolve un relevante papel de promoción e divulgación dos produtos e que serve de punto de encontro das empresas agroalimentarias de todo Portugal (e tamén algunhas galegas) recibindo máis de 70.000 visitas en catro días.