Expourense presenta en Lisboa as feiras Termatalia e Xantar

Na caseta de Turismo de Porto e Norte, o seu principal socio estratéxico en Portugal

Lisboa | Expourense acode á BTL de Lisboa, o principal evento profesional de turismo de Portugal, para presentar as súas dúas feiras internacionais de Turismo (Termatalia e Xantar) ante representantes institucionais e empresarios do sector do país veciño, que ten sempre un papel protagonistas nestas citas, tanto pola cantidade de expositores como de visitantes que cada ano acoden a elas.

A presentación tivo lugar na caseta que a Entidade de Turismo Porto e Norte ten na BTL e correu a cargo do presidente da entidade, Luís Pedro Martins, e do director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.

A esta presentación acudiron representantes institucionais, representantes das cámaras municipais de Vizela, Vila Real, Alijó e Vila Pouca de Aguiar e empresarios do sector do turismo relacionados tanto co termalismo (como a Asociación Termas de Portugal) como coa enogastronomía.

Non en balde Portugal, é un país que aposta polo termalismo e pola súa internacionalización, confiando no efecto chamada do “Turismo de saúde” e no seu papel como dinamizador do turismo interno e externo.

Esta presentación de Expourense en Lisboa contribúe a visibilizar a estreita cooperación que mantén con Turismo Porto e Norte contribuíndo a promocionar internacionalmente o destino común de Galicia e Norte de Portugal. As dúas feiras presentadas esta tarde na BTL son: Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que se celebra os días 29 e 30 de setembro e Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que se celebra entre o 9 e o 13 de novembro.

Son dous proxectos únicos na Península Ibérica que contribúen a promocionar recursos endóxenos como o termalismo ou a enogastronomía que emanan e danse en abundancia tanto en Galicia como en Portugal.

Estas dúas feiras internacionais que se celebrarán este ano en Ourense – Galicia, estarán marcadas pola dobre celebración do Ano Xacobeo 2021-2022, un evento histórico e un revulsivo para o turismo que seguro será beneficioso tamén para os distintos camiños portugueses que levan a Santiago.

Termatalia
Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, regresa este ano como feira completa, presencial e como gran punto de reencontro da comunidade termal internacional.

A última edición como feira foi en 2019 e, 3 anos despois, os profesionais do sector teñen ganas de atoparse nesta cita que segue sendo a ponte termal entre Europa e América que recibe a profesionais do sector dunha trintena de países.

Durante a última semana de setembro de 2022, Ourense converterase no epicentro mundial do termalismo. Neses días, a provincia acolle CATRO grandes eventos, paralelos e complementarios, que posicionarán a Ourense como a gran referencia internacional no turismo de saúde.

Ademais de Termatalia, celébrase: o Congreso Mundial de Termalismo da OMT que organiza a Deputación Provincial de Ourense. O quinto Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade e de Vida organizado polo Campus Auga da Universidade de Vigo, que convocará á comunidade científica e o Congreso Nacional da Sociedade Española de Hidrología Médica que primeiro se reunirá en Termatalia e despois no Balneario de Laias.
Xantar.

Portugal participou en Xantar desde a primeira edición, hai xa 23 anos, creando xa xunto a Galicia un destino enogastronómico común. Xantar 2022 será a primeira edición con Alta Velocidade, a primeira a dúas horas e cuarto de Madrid e a unha hora de Zamora. Esta conectividade multiplica as opcións do denominado turismo de proximidade, un concepto que por suposto inclúe ao Norte de Portugal, xa que esta proximidade, por unha banda amplíase a máis destinos que antes quedaban distantes e, polo outro, acúrtase ao achegarnos máis a todos.

Isto conleva a que Xantar pode converterse nunha motivación turística por se mesma. Pode ser o perfecto reclamo para que os visitantes veñan a Ourense a participar no salón en Expourense, pero despois visiten a cidade, coñezan o seu comercio local, a capital da moda e a súa oferta hostaleira, pernoiten nela, #gozar dos nosos balnearios e, despois por suposto, regresen.

Nesta edición, a organización traballará na creación de paquetes turísticos especiais para atraer a Ourense aos habitantes do “eixo AVE” do mesmo xeito que xa o fai para atraer aos do resto de Galicia e, por suposto, de Portugal.

A gastronomía e o Camiño de Santiago son dous das grandes motivacións para visitar Galicia. Xantar é un excelente lugar para conxugar ambas, promocionando así internacionalmente a enogastronomía de calidade no Roteiro Xacobeo. E dentro da gastronomía dos Camiños, mención especial merece o Camiño Portugués. Unha das cousas que non vai cambiar en Xantar 2022 é a masiva participación de destinos de Portugal.

Aínda que cada vez incorporamos máis destinos de Norte a Sur, queremos agradecer a súa estreita cooperación dunha forma especial a Turismo Porto e Norte, o noso socio estratéxico e amigo sen o cal xa non é posible entender Xantar: “dous países, un único destino”.