Braga |A 54ª edición de AGRO, a Feria Internacional de Agricultura, Gando e Alimentación, que se celebra dende onte e ata o vindeiro domingo na localidade portuguesa de Braga, organizou hoxe o Día adicado a Galicia. A província de Ourense estivo representada polo delegado territorial da Xunta de Galicia, Gabriel Alén Castro, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
En virtude dos convenios de cooperación transfronteiriza que Expourense mantén con distintas entidades do Norte de Portugal entre as que se atopa o novo FORUM BRAGA, o recinto feiral ourensán conta cun stand dende o que está a promocionar as súas vindeiras citas vencelladas ó sector primario e ó turismo e nas que o mercado portugués xoga un importante papel.
Ambas as dúas entidades levan máis de dúas décadas anos colaborando para garantir a promoción dos seus recursos nos eventos organizados pola outra e que están vencellados co termalismo, a gastronomía, o turismo activo ou o viño, potencialidades que comparten as dúas áreas da Eurorrexión.
Durante a visita da comitiva oficial do día ó stand de Expourense, ofreceuse unha degustación de produtos galegos de empresas como é o caso da Denominación de Orixe Monterrei, colaboradora de Expourense durante todo o ano e das empresas ourensáns colaboradoras de Xantar: Grupo Cuevas e Cafés Lisboa.
A comitiva local estivo integrada polo administrador da Invest Braga, Carlos Silva; do vereador de Economía de Braga, Antonio Barroso; o vereador de Turismo de Braga, Altino Bessa e do director polo Forum Braga, Carlos Coutinho.
As citas que Expourense está a promocionar en AGRO estes días son: Termatalia, 20ª Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar (29 e 30 de setembro de 2022) e Xantar, 23º Salón Internacional de Turismo Gastronómico ( 9 a 13 de novembro de 2022).
Con esta participación en AGRO, Expourense reforza as súas relacións de cooperación transfronteiriza especialmente enfocada ao ámbito agroalimentario e ó turismo de proximidade co obxectivo de fomentar a competitividade das empresas galegas e, dun xeito especial, dos pequenos produtores ou cooperativistas.
AGRO é unha cita que desenvolve un relevante papel de promoción e divulgación dos produtos e que serve de punto de encontro das empresas agroalimentarias de todo Portugal (e tamén algunhas galegas) recibindo máis de 80.000 visitas en catro días.