A Coruña | A Federación de Atención á Cidadanía da UNIÓN SINDICAL OBREIRA en Galicia (FAC-USO Galicia) denuncia que o luns 12 o DOG publicou o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, esquecido desde 2019.
Trátase dun regulamento que vai derrogar, en case a súa totalidade, o decreto de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna de 1991, no que se refire á mobilidade (antes chamada provisión de postos), para desenvolver a Lei 2/2015, de Emprego Público de Galicia, que tampouco contou co apoio social antes da súa aprobación.
FAC-USO cuestiona un regulamento excesivamente longo, que non soluciona os defectos existentes na mobilidade dos/as funcionarios/as, como son: a comisión de servizos, as libres designacións, a previsión de entrevistas, etc., chegando, mesmo, a determinar o réxime xurídico aplicable a comisión de servizos noutra Administración Pública, podendo, no seu caso, invadir competencias garantidas constitucionalmente.
A partir do 3 de outubro, as xefaturas de servizo e de sección pasarán a ser elixidas por un concurso específico, e non por libre designación, e “serán obxecto dunha valoración cada cinco anos, realizada por unhas comisións técnicas designadas polo órgano competente en materia de persoal da Consellería ou entidade instrumental de destino”, para o que será necesario presentar un informe de actividade, e unha memoria sobre as melloras na unidade administrativa, pero o decisivo será superar unha entrevista. Actualmente haberá ao redor de 600 xefaturas de servizo, sen contar a administración especial: xustiza, ensino e sanidade. Desde FAC-USO denunciamos que ese regulamento vén instaurar, nas xefaturas de servizo e de sección, o enchufismo e o clientelismo.