O Parlamento de Galicia, Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Foro E. Peinador convocan un ano máis os Premios de Publicidade en Galego. Os premios están dirixidos ás empresas anunciantes, ás axencias de publicidade e aos centros educativos públicos, privados ou concertados especializados nalgunhas das áreas de coñecemento que teñan que ver coa publicidade, polos traballo publicitarios que realicen e polo seu desenvolvemento técnico, respectivamente.
Establécense cinco premios, un por cada unha das seguintes categorías, segundo o medio de difusión: radio, televisión, internet, prensa escrita e un extraordinario para proxectos elaborados polo alumnado de centros educativos. As bases e o prazo de inscrición nesta convocatoria e, así mesmo, para a presentación dos traballos que concorren aos premios pódense consultar nas páxinas web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (www.lingua.gal) e do Foro E. Peinador (www.galeguizargalicia.gal).
Sobre a utilidade da lingua galega tense escrito moito. Para recomendar o seu uso e para estigmatizalo,tamén. Ben deitamos que os prexuízos van diminuindo e hoxe xa hai grandes corporacións que se publicitan no noso idioma. Pero aínda quedan moitos receos de empresas e creativos publicitarios. Sen embargo, nada opoñen a que cada vez haxa máis publicidade en prensa e televisión en inglés ou francés, tal é o caso dos anuncios que as canles de televisión emiten no período das festas do nadal pregoando os arrecendosos perfumes e colonias. Tales licenzas publicitarias pretenden identificar o produto co pais de oríxe e sementar a idea de que se trata de algo auténtico. Efectivamente, o poder das palabras expresadas no idioma do pais do produto reforza as denominacións de oríxe.
Da mesma maneira que aceptan a utilización de termos científicos, porque evocarán un mundo de precisión e de infabilidade e proxectarán o foco do significado sobre un campo de prestixio, malia que a palabra utilizada sexa descoñecida pola inmensa maioría dos consumidores. Os conceptos técnicos engaiolan nos tratos comerciais. O emisor pretende gañar ao consumidor graza ao poder sedutor dos termos científicos e as fórmulas químicas.
Na historia da publicidade en galego temos o exemplo no Calendario ZZ, que nos seus comezos foi editados pola farmacéutica Zeltia na década dos anos cincuenta, e que agora segue publicando a súa sucesora, Syngenta, radicada no concello de O Porriño.
O éxito desa publicación é o seu atractivo deseño en formato de libro de peto e os seus diversos contidos.Nel mestúranse as propiedades científicas dos produtos de aplicación ás terras de cultivos e a cultura popular na que non faltan os refrán, auténticos gps no seu tempo para intepretar os fenómenos atmosféricos de tanta importancia para a sementeira, por exemplo. O influxo das lúas no calendario cos seus santorais, anunciando festas, feiras e mercados, son de grande utilidade para a xente que aínda vive no rural dedicada ás tarefas agrícolas.
Se temos en conta que o nivel instrución media dos labregos dos anos cincuenta era mínima, o feito de que a publicidade describise a composición química dos produtos que se ofertaban, non era ningunha dificultade para publicitalos. A terminoloxía científica avalaba a calidade dos produtos. E o idioma no que se ofrecían, malia non ter prestixio social, era comprendido pola maioría dos clientes que se contaban por centos de miles.
Os Premios de Publicidade que agora se convocan teñen a finalidade de chamar a atención sobre un feito tan importante como é a comunicación cos consumidores, que nun 95% entenden a lingua galega. Un 80% da poboación está alfabetizada en galego, xa que logo, non hai ningunha razón para desaconsellar o uso do noso idioma na publicidade. Os prexuizos lingüísticos agora non están situados na franxa de consumidores aos que se quere seducir, e si no das empresas e creativos da publicidade que non saben ou non queren recoñecer que a cidadanía galega está capacitada para entender calquera mensaxe no noso idioma.
O Foro E. Peinador – Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros non cansarán no seu propósito de fomentaren o uso da lingua galega na etiquetaxe dos produtos de consumo en lingua galega que, dito de paso, cada vez son máis, malia as malas prácticas deseses estrategos publicitarios que desaconsellan o uso da lingua galega aos seus clientes.As razóns que utilizan son de evidentísima cativeza intelectual.