Lugo | Hoxe faleceu en Lugo Daniel Pérez Pereira (Danip), mestre e artista gráfico, que naceu en Lugo (Paradai) o 17 de abril de 1934, de familia con raíces no concello de Baleira. Bacharelato e carreira de Maxisterio estudounos en Ourense, onde seu pai fora destinado. En Viana do Bolo (Ourense) coñeceu á súa muller, Rosita González Pérez, coa que levaba casado 59 anos.
Vocacionalmente mestre, exerceu en diversos destinos, mesmo nos E.E.U.U., onde puido ensinar na Universidade, pero prefiriu o Maxisterio e Galicia para afincarse. Dirixiu cursos universitarios en Madrid, pero seguiu sendo mestre ata a súa xubilación. A familia residiu na Coruña os últimos corenta anos, con frecuentes viaxes a Lugo, que sempre foi a súa máis querida cidade.
Magnífico debuxante, colaborou durante moitos anos nas páxinas de El Progreso con debuxos cargados de lucensismo e de humor.
Nun xantar celebrado no Hotel Finisterre de A Coruña en 2009, a Cofradía do Capón de Vilalba fíxolle entrega da banda de Cofrade Maior da entidade.
Nas numerosas sesións de “revista oral” que a Asociación de Amigos da Muralla de Lugo celebrou na capital lucense para divulgar temas relacionados co noso primeiro monumento, sempre Danip participou diante do público facendo magnificos debuxos relacionados coa muralla, sempre co contrapunto humorístico para completar a mensaxe do debuxo.
Con motivo do seu pasamento a Asociación de Amigos da Muralla ven de concederlle a Danip, a título póstumo, o título de “Admirador da Muralla”, máxima distinción desta entidade. Este título seralle entregado á familia, en data que oportunamente se comunicará, por parte do Presidente da Asociación, o xornalista Alfredo Sánchez Carro e o Secretario, o avogado Diego Bellón Romay.
A despedida a Daniel Pérez Pereira-Danip, efectuose na intimidade familiar.
Acompáñase fotografía da imposición da banda de Cofrade Maior da Cofradía do Capón de Vilalba, e da viñeta publicada por Danip en 1983, con motivo das festas de San Froilán.