Esta palabra é de orixe latina: libertas, libertatis (creo que neutro da terceira, como se dicía naqueles tempos en que nos primeiros cursos de bacharelato se estudiaba latín. Agora non; agora parece que co inglés xa temos bastante). Eu debo confesar que de inglés non sei unha papa, aínda que na familia os meus fillos todos falan inglés, a súa maneira claro. O meu é, como se dicía, o idioma da diplomacia: o francés. Aí aínda me defendo un chisco. Significa “o que xurídica e politicamente é libre de actuar”
No seu libro “Los enemigos íntimos de la democracia”, T. Todorov, de orixe búlgaro, danos unha ampla descrición do termo liberdade. Segundo nos conta, no seu país segundo as necesidades de cada quen sufríase máis ou menos a falta de liberdade. Di que recen saído da universidade daba tímidos pasos escribindo en xornais, sentíndose especialmente orgullosos de si mesmo porque lle daba a impresión de ter sorteado a omnipotente censura. Decidiu citar a varios heroes da resistencia antifascista xa mortos que tiñan loitado contra a tiranía. A trampa consistía en finxir que estaba evocando o pasado para falar do presente recordando que se debe loitar pola liberdade.
Dise que unha persoa é libre, que actúa con liberdade, cando pode obrar sen coaccións por parte doutros suxeitos. A liberdade leva implícito un enorme sentido da responsabilidade individual e social.
“A liberdade leva implícito un enorme sentido da responsabilidade individual e social”
T. Todorov fala de que dando un salto de cincuenta anos e situándose na Europa actual se atopa cunha ceta perplexidade e inquedanza ao comprobar que o termo liberdade pasou a ser o nome comercial de determinados partidos políticos. Iso que non asistiu á campaña de Isabel Ayuso nas eleccións pasadas da Comunidade de Madrid. Esta muller viu a deturpar o termo liberdade dunha maneira escandalosa. Libre para andar por Madrid e non atoparse co seu ex, libre de saír de noite e tomar cañas nunha terraza, etc. Que triste sentido da liberdade teñen algúns afeccionados a políticos! Así vai o País.
O escritor búlgaro segue dicíndonos que nun primeiro momento cría que a liberdade era un dos valores fundamentais da democracia, pero que co paso do tempo decatouse que determinados usos da liberdade poden supoñer un perigo para a propia democracia.
O exercicio da liberdade require dispor dunha boa información para estar en condicións de facer unha boa elección. Canto máis informada estea unha persoa máis elementos vai ter para avaliar a súa toma de decisións.
Unha das liberdades que nestes momentos está máis en xogo é a “liberdade de expresión ou de opinión”. Todos temos o dereito de expresar as nosas opinións, as nosas ideas e sentimentos dentro das normas de respecto a unha sa convivencia. Este dereito de expresión e de opinión está consagrado no artigo 19 da Declaración dos Dereitos Humanos.
A liberdade de prensa consagra os dereitos dos medios de comunicación a divulgar a información oportuna e veraz á poboación sen censura nin manipulación. Este dereito de información é un dos mais importantes a defender porque está ameazada tanto polas forzas políticas como polas económicas e aínda polas relixiosas. Neste apartado podemos incluír a liberdade de crenzas relixiosas. Finalmente podemos citar a liberdade política como o dereito a participar na vida social e política dun país.
“Aquí en España asistimos a publicas declaracións de políticos que parece naceron hoxe pero que xa veñen de antes, de cando soamente eran libres os que aceptaban os seus mandatos”
Aquí é onde T. Todorov se lamenta porque nestes momentos esteamos asistindo a unha praga de opcións políticas que utilizan o termo liberdade cando en realidade o que esconden é “unha particular liberdade”. Aquí en España asistimos a publicas declaracións de políticos que parece naceron hoxe pero que xa veñen de antes, de cando soamente eran libres os que aceptaban os seus mandatos. Agora intentan convencer aos cidadáns que non son libres, que o goberno de turno os ten secuestrados cando en realidade o que pretenden é tentar derrubar ao goberno para ocupar o seu lugar, non para dotar aos cidadáns de maior liberdade.
Todo isto só ten unha lectura e unha solución: información seria e honesta; confrontación de ideas co ánimo de chegar a puntos de encontro. Dotarnos de ferramentas que todos poidamos manexar cando pretendemos expoñer as nosas ideas.
“Non se deixen embaucar con cantos de serea. Pensen dúas veces no discurso ou slogan que tratan de meterlles no maxín”
Non se deixen embaucar con cantos de serea. Pensen dúas veces no discurso ou slogan que tratan de meterlles no maxín. Logo, na tranquilidade do seu aposento, sos, sen ruídos nin altofalantes removan esas ideas e comproben se estar de acordo cos seus sentimentos. Nada hai máis prexudicial que deixar que nos administren medicamentos que nós non solicitamos.