Cadernos da viaxe.
O discurso negacionista de Vox, repenicado parcialmente polo líder do PP, Pablo Casado, require pór en orde algunhas das falsidades que algúns , orfos de toda formación sobre cuestión de xénero, semellan acreditar á forza da súa goebelliana repetición.
Non é certo que a lexislación anti violencia machista invirta a carga da proba e obrigue aos homes a demostrar a súa inocencia. As regras do Dereito Penal non mudan. Todo home denunciado é inocente até que non sexa condenado por unha sentenza definitiva.
Outra falsidade é a suposta asimetría penal, isto é que as condutas desenvolvidas por un home son castigadas de xeito máis duro. É incerto, as condutas todas son castigadas de xeito semellante, sexa cal fór o sexo do seu autor.
A muller denunciante non acada beneficio ningún nun procedemento xudicial de divorcio ou semellante polo mero feito de ter denunciado. Pola contra, a denuncia penal adoita abrir procedementos complexos nos que moitas veces os distintos funcionarios e profesionais interviñentes non comprenden ben a realidade das maltratadas. Velaí a desconfianza a respecto dalgunhas mulleres que non denuncian os abusos, cando precisamente un carácter típico do maltrato é o de non denunciar os abusos pola situación de autonegación persoal que vive.
Canto aos beneficios económicos, éstes redúcense a unha paga de 420 €/mes para as mulleres que carecen doutros ingresos, que só dura 11 meses (ampliábeis a 36). Tamén, para as empregadas, á posibilidade de suspensión do emprego de acadaren unha orde de protección e accederen á prestación por desemprego de tiver cotizacións abondo.
A lei de prevención de violencia de xénero non é discriminatoria e foi declarada expresamente constitucional pola Sentenza 39/2008 do Tribunal Constitucional. Porque a igualdade de homes e mulleres esixe tratar de xeito desigual as situacións desiguais. E a violencia machista, hoxendía, é un andazo, nada comparábel en termos cuantitativos con outras violencias intrafamiliares. A violencia machista constitíue o problema máis grave da nosa sociedade no que se refire aos dereitos humanos.
Os homes non estamos aínda á altura do repto da nosa sociedade canto á prevención da violencia machista. Xa que logo, o mínimo que podemos facer é combater nos ámbitos da política e da comunicación social as fake news e falsidades dos negacionistas.