O Porriño | Comerciantes e hostaleiros do Porriño celebran que a vila sexa a sede, esta fin de semana e o luns, 1 de maio, da Fase Final da Copa da Raíña de Balonmán, un evento que, coinciden “ten unha importante repercusión económica” na vila.
Noelia Conde, xerente da Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR), subliña que é unha ocasión inmellorable para dar a coñecer o nome do Porriño a nivel de toda España, posto que, afirma, non hai que esquecer que unha vila de 20.000 habitantes é o escenario de toda unha final dunha competición nacional de primeirísimo nivel, algo que non é frecuente porque este tipo de citas deportivas de xeito habitual se xogan en grandes cidades.
Conde amósase “encantada” porque máis de 15.000 persoas, segundo as estimacións da organización, se acheguen ao Porriño eses tres días aínda que, recoñece, o impacto que a súa presenza ten no comercio local non é tanta coma a que si notarán os establecementos hostaleiros.
Precisamente o presidente da Asociación de Hostaleiros salienta que a disputa da Copa da Raíña xa empeza a notarse no incremento do número de reservas que os restaurantes teñen para estes días.
Juan Manuel Fortes afirma que, segundo os seus datos, a ocupación dos hoteis do Porriño será do 100% e que moitas persoas que virán á fase final terán que durmir noutros concellos porque xa non quedan camas libres.
Ademais, engade, “tendo en conta a experiencia do ano pasado, teremos unha importantísima chegada de xente nos restaurantes, cafeterías e bares os tres días nos que se xoga o campionato”.
Fortes felicítase polo feito de que a Final da Copa da Raíña se xogue no Porriño, “non só pola pegada que ten na economía local, senón porque difunde tanto o nome do concello, o do noso deporte e os nosos produtos por todo o país”.
Para o presidente dos Hostaleiros esta cita ten, ademais, outra vantaxe, “a de que os nosos clientes son persoas de todas as idades e de todos os petos e cunha mentalidade aberta…se deixan aconsellar, aínda que, coma é lóxico, o peixe e o marisco son os produtos máis demandados”.