Ourense | O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, abordou cos alcaldes da Baixa Limia -Bande, Lobeira, Lobios e Muíños- os proxectos clave para a comarca e a súa competitividade. Así, nun primeiro punto, Feijóo subliñou que a Consellería de Infraestruturas está a redactar o proxecto para o acondicionamento da estrada autonómica OU-540, entre Celanova e a fronteira con Portugal, co obxectivo de someter a información pública e iniciar a tramitación ambiental nesta primavera.
Cun investimento de 11,5 millóns de euros, o titular da Xunta incidiu en que esta actuación suporá unha mellora substancial nas comunicacións con país veciño, beneficiando aos case 7.000 habitantes da Baixa Limia que percorren cada día a estrada.
O responsable do Goberno galego avogou, tamén, por seguir impulsando a cooperación transfronteiriza, a través da dinamización conxunta da reserva da biosfera Gerês-Xurés, promovendo un turismo sustentable, asentado nos recursos culturais e naturais da reserva e contando coa participación da poboación local.
O Xurés é unha das zonas con maior potencial turístico para desenvolver produtos innovadores neste eido, que atraian a novos visitantes ao longo de todo o ano, contribuíndo a desestacionalizar a demanda e a incrementar a rendibilidade do sector turístico na zona.
Con este fin, Feijóo recordou que a Xunta está a financiar diversos plans, entre os que destacan o proxecto de ordenación dos sendeiros Serra do Xurés, así como o plan de ordenación e accesibilidade dos bens de interese cultural.
Así mesmo, recordou que a Consellería de Medio Ambiente convoca cada ano distintas liñas de axudas das que se poden beneficiar os concellos do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, co obxectivo de desenvolver actuacións relacionadas coa posta en valor do parque.