Ponteareas | O Partido Popular de Ponteareas ten nova sede. A céntrica rúa de Vidales Tomé, 1 abriu as súas portas este 3 de marzo coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e do presidente do PP español, Alberto Núñez Feijóo, así como de decenas de militantes dos populares de Ponteareas e do Condado.
A apertura da nova sede foi igualmente aproveitado para arroupar a candidatura de Nava Castro como líder do PP Ponteareas de cara ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. Neste sentido, o acto contou coa presenza de candidatos do PP da comarca do Condado Paradanta, como foron os casos da Cañiza e Mondariz, así como o alcalde de Mondariz Balneario.
Feijóo e Rueda chegaron a Ponteareas provenientes do veciño Mos, Concello da Comarca da Louriña onde estiveron asistiron á presentación da candidatura a reelección da alcaldesa Nidia Arévalo.
No seu discurso de apertura da sede do PP Ponteareas, Feijóo enfatizou na necesidade dun cambio político na vila do Condado: “Ponteareas precisa reiniciar unha nova política tan esplendorosa como as alfombras do Corpus”.
Pola súa banda, Nava Castro prometeu que este cambio dará un novo sentido a Ponteareas “tras anos de desgoberno”. Como colofón do acto, Rueda eloxiu o compromiso de Nava Castro por transformar Ponteareas a unha vila do século XXI.
Na entrada da nova sede do PP Ponteareas está exhibido unha fotografía de 1910 que reproduce a alfombra do Corpus Christi. Nava Castro, que tamén é Directora de Turismo de Galicia, indicou a importancia da imaxe porque “representa a Ponteareas e aos ponteareáns”.