A visita a Portugal realizada o pasado 27 de maio polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, non pasou desapercibida para os medios de comunicación portugueses. Compre por tanto observar a grandes resgos como foi o tratamento informativo na outra beira do Río Miño.
En Lisboa, e acompañado do vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda, Feijóo reuniuse co presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa, no Palacio de Belém, e posteriormente co xefe de goberno luso, António Costa.
O comunicado de prensa da presidencia da Xunta de Galicia indicou que, na xuntanza co presidente Rebelo de Sousa, “Feijóo expuxo que tanto o Camiño Portugués do Interior como o da Costa están a experimentar o maior incremento de peregrinos, como xa se puxo de manifesto en 2019, resaltando ademais o patrimonio histórico, a gastronomía e a paisaxe como elementos clave destas rutas”. Así, “25 de cada 100 peregrinos que chegan a Santiago de Compostela fano a través dos dous Camiños portugueses”, informou o gabinete de comunicación da presidencia da Xunta de Galicia.
Pola súa banda, na xuntanza co xefe de goberno António Costa, Feijóo “destacou igualmente que o compromiso de Portugal co AVE Vigo-Porto é un importante acicate para que o Goberno de España priorice unha infraestrutura estratéxica para ambos países”. Esa importancia do AVE quedou patente tamén na xuntanza con Rebelo de Sousa, toda vez o presidente da Xunta “valorou tamén o apoio do presidente portugués ao eixe atlántico ferroviario e o seu compromiso inequívoco para que a conexión Porto-Vigo non teña marcha atrás”.
“O clima de cordialidade pola visita permitiu recuperar as sensacións de revitalización non só nas relacións galego-portuguesas senón tamén da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, con particular atención no turismo e a recuperación económica post-pandemia”
O clima de cordialidade pola visita permitiu recuperar as sensacións de revitalización non só nas relacións galego-portuguesas senón tamén da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, con particular atención no turismo e a recuperación económica post-pandemia. Pero o interese, cando menos por parte da Xunta de Galicia, estaba igualmente enfocado nos proxectos de infraestruturas viarias, como o AVE e a conexión atlántica vía Eurorrexión.
O “Caminho” de Marcelo
Os medios portugueses interpretaron a visita de Feijóo a Lisboa cun tratamento mais ben localista e incluso folclórico, enfocado na decisión do presidente da República Portuguesa Marcelo Rebelo de Sousa, de realizar en agosto o Camiño de Santiago pola ruta de peregrinación portuguesa.
Esta nova debe interpretarse como un voto de confianza por parte das autoridades portuguesas de cara ao Ano Santo Xacobeo 2021-2022 nestes tempos de post-pandemia e de vacinacións masivas, revitalizando así o tramo do Camiño Portugués a Santiago ata Tui e as repercusións que terá para o turismo galego e portugués.
Así, tanto o Diário de Noticias como Público intitularon “Marcelo faz etapa do caminho de Santiago em agosto”, confirmando esa perspectiva de confianza institucional para o turismo e o Xacobeo cara Galicia nesta etapa estival que estamos a comezar. Esta será a terceira vez que Marcelo Rebelo de Sousa fará o Camiño de Santiago.
Este medio portugués asegurou que foi o propio Feijóo quen anunciou esta nova e o significado que isto ten para Galicia: “Como devem imaginar, se temos intenção de ter um peregrino especial, é o Presidente da República portuguesa. Com esse efeito, confirmou-me que fará o caminho, uma etapa do caminho, em algum dos dias das primeiras semanas de agosto (…) Estamos mais do que satisfeitos perante esse compromisso do Presidente da República portuguesa com os caminhos de Santiago, que são os caminhos que constituíram a espinha dorsal da Europa”.
Toda vez, Feijóo referiuse a “os dois caminhos portugueses, o da costa e o interior, que são já o segundo itinerário mais importante de fluxo de peregrinos e de turistas para Compostela”, a seguir ao Caminho Francês, representando já 25% do total de peregrinos.
A visita a Galicia durante o Xacobeo tamén ocupou a xuntanza de Feijóo co xefe do goberno portugués, António Costa. Tras estender a mesma invitación que ao presidente da República, o propio Costa preferiu “fazer o Caminho melhor no 2022”, debido a asuntos de axenda.
AVE Braga-Vigo
Pola súa banda, o medio portugués Observador reproduciu unha ampla nova publicada pola Agência Lusa, enfocando no proxecto de interconexión ferroviaria no Eixo Atlántico entre Braga e Vigo: “Portugal confirma a Galiza comboio entre Braga e fronteira num investimento de 900 milhões”.
Informou así das expectativas de Feijóo de “começar esse projeto a partir do ano 2025” e contará cunha velocidade “220 a 250 quilómetros/hora”. Toda vez será Portugal o que levará a maior parte do financiamiento destas obras: “O político galego indicou que os 900 milhões de euros são exclusivamente investimento português, que se prevê financiado através do próximo período de fundos europeus”.
A Agência Lusa realizou un importante tratamento a este tema. Reproduciu as palabras de Feijóo en Lisboa de que este proxecto “é uma grande decisão estratégica de Portugal, uma grande decisão de todo o Eixo Atlântico”.
Noutra orde de ideas, Feijóo “comunicou também os interesses dos autarcas portugueses e galegos na zona de Vinhais e A Gudiña para tentar melhorar as condições viárias, tanto para ligar todo este território, como para utilizar a estação ferroviária de A Gudiña e poder ligar até à Galiza e até Madrid as populações portuguesas transfronteiriças” a través dos fondos europeos Next Generation por valor de 20.000 millóns de euros.
Incertezas sobre o AVE Lisboa-Vigo-A Coruña
En mente tamén está a conexión AVE de Portugal ata Vigo, con perspectiva cara Lisboa nun futuro próximo: “O investimento português implica também duas grandes infraestruturas na Galiza, nomeadamente converter Vigo numa estação passante, com um projeto de cerca de 500 milhões de euros e, posteriormente, ligar Vigo com Guilharei e Tui, que é um trajeto de uns 30 quilómetros e, assim, ligar definitivamente por via férrea toda a Galiza com o norte e o centro de Portugal até Lisboa”.
Isto suporía “ligar Lisboa com Vigo em três horas” e o AVE Vigo-Porto “em 55 minutos”. En perspectiva, está o AVE Lisboa-A Coruña “em quatro horas”, un proxecto que o propio Feijóo cualificou durante a súa visita como “un antes e un despois para todo o Eixo Atlántico.
“Ligar Lisboa com Vigo em três horas’ e o AVE Vigo-Porto ‘em 55 minutos’. En perspectiva, está o AVE Lisboa-A Coruña ‘em quatro horas’, un proxecto que o propio Feijóo cualificou durante a súa visita como ‘un antes e un despois para todo o Eixo Atlántico”
Non obstante, queda marxe para a incerteza sobre o AVE Vigo-Lisboa, tal e como salientou este medio portugués de que o goberno de António Costa “não tenha prestado declarações aos jornalistas após a audiência” con Feijóo.
Coincidindo coa visita de Feijóo a Lisboa, a Agência Lusa reproduciu tamén as declaracións do presidente do Eixo Atlántico, Ricardo Rio, sobre os programas de cooperación transfronteiriza nos que Portugal vai participar, sem conhecer em “concreto” a dotação para a eurorregião Galiza – Norte de Portugal”.
Pola súa banda, “a secretária de Estado da Valorização do Interior, Isabel Ferreira, revelou que Portugal já assegurou a participação em nove programas operacionais do Programa de Cooperação Transfronteiriça Interreg, cuja dotação global ascende aos oito milhões de euros”, segundo publicou a Agência Lusa.