Santiago de Compostela/PPdeG | Segundo expresou o presidente da Xunta de Galicia e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, a única maneira de unir unha organización é integrar a todas as sensibilidades desde a xenerosidade, a lealdade e a responsabilidade de todos, sendo conscientes de que cada persoa pode ser útil e aportar á “casa común”.
Do mesmo xeito, apuntou que a forma de abrir a formación é sentir o pulso da rúa para conquistar o talento, recalcando que, “canto máis unido e máis aberto sexa o partido, máis forte será”.
No seu discurso, resaltou tamén que o PP é diferente e que está moi afastado dos que discuten por nomes, dos que ven os seus partidos como un instrumento para servir a Sánchez ou como unha vía para destruír a unidade de España e debilitar as nosas institucións, e dos que se dividen e se enfrontan por familias.
Pola contra, os populares debaten construíndo ideas e políticas para a xente, converten a formación nunha ferramenta para servir a Galicia, sempre traballarán para fortalecer as nosas institucións e teñen o obxectivo de ampliar e reforzar unha gran familia, que é a do PP.
Ademais, puxo en valor que a nosa Comunidade sexa unha terra que serve como exemplo á política nacional e que o PPdeG demostre día a día que hai outra política que é posible e que é máis útil para a cidadanía. Ao respecto, admitiu estar moi orgulloso de liderar un Goberno unido e solidario, recoñecendo que nunca podería ser presidente dun Executivo dividido, que dedica máis tempo a facerse oposición entre conselleiros e no que os seus membros pelexan máis polos titulares que por resolver os problemas da xente.
Compromiso coa Igualdade
Os populares galegos, que celebraron esta tarde a reunión do seu Comité Executivo, aprobaron a composición da Comisión Permanente de Igualdade, que estará presidida por Raquel Touriño e que contará con dúas secretarías, ocupadas por Paula Mouzo e por Milagros Domínguez.
Deste modo, dáse un paso máis no plano orgánico e renovase un dos compromisos máis firmes e sólidos na identidade do partido: a loita pola igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.
Como aseverou Feijóo, o do PPdeG non é un feminismo de pancarta, de estridencias, de reviravoltas da linguaxe e que está confinado nunha área menor dun Executivo ou supeditado á ideoloxía, senón que é un traballo con feitos e con accións que inciden na vida das mulleres e que impregnan todos os ámbitos da súa acción de Goberno.
“Lembrou que dende que hai 30 anos un Goberno do PP aprobou o Primeiro Plan de Igualdade de Galicia”
De feito, lembrou que dende que hai 30 anos un Goberno do PP aprobou o Primeiro Plan de Igualdade de Galicia, os populares lideran esta loita desde as institucións. A partir de entón, e cada día con maior intensidade, a igualdade de oportunidades e a loita contra a violencia constitúen eixos da súa forma de entender a política.
Cómpre destacar que en 2021 o Goberno galego duplicou os fondos do programa Emega de emprendemento feminino, as axudas de pago único para mulleres vítimas da violencia de xénero, e os importes para a atención integral a mulleres vulnerables. Igualmente, a Xunta achegou este ano ao 84% dos concellos galegos axudas autonómicas para promover a conciliación, previr e tratar a violencia de xénero; e apoiou o mantemento da rede de escolas infantís, prestacións por fillo, programas de educación familiar e axudas para fomentar a conciliación, investindo case o triplo que en 2009.