Ourense | Anxo M. Lorenzo, director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaron na apertura da Feira do Libro de Ourense, sexta parada do circuíto impulsado pola Administración autonómica e a Federación Librarías de Galicia que este ano chegará a 14 localidades ata o mes de agosto.
Durante a apertura desta iniciativa, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades celebrou a implicación das librarías e dos autores nesta cita que ata o domingo acollerá preto de 50 actividades na rúa do Paseo. “Tanto autores como libreiros conectan dun xeito especial cos afeccionados e os lectores esporádicos que acoden a este tipo de citas que resultan estratéxicas para apoiar á industria literaria”, expresou.
Neste senso, fixo un chamamento á cidadanía para seguir apoiando a este sector e contribuír ao bo momento de creación literaria que vive Galicia. “Tal e como se recolle na campaña de fomento do libro e a lectura, todo é posible cando nos poñemos a ler e por iso animo a todo ao mundo a comprar exemplares e gozar da lectura”, afirmou.
Calendario ata agosto
A Feira do Libro de Ourense sitúase na rúa do Paseo ata o sábado día 10 de xuño con seis librarías. Ata entón están previstas preto de 50 actividades que inclúen máis de 30 sinaturas de libros, preto dunha decena de presentacións e encontros con autores e iniciativas para o público infantil. Tras o seu paso pola cidade das Burgas, onde chega despois de visitar o concello de Vilalba, o calendario continuará ata agosto con paradas en Redondela (do 15 ao 18 de xuño), Vigo (do 23 ao 29 de xuño), Ponteareas (do 13 ao 16 de xullo), Rianxo (do 22 ao 25 de xullo), A Coruña (do 1 ao 10), Viveiro (do 12 ao 15), Foz (do 17 ao 20) e Monforte de Lemos (do 23 ao 26).