Lugo | S.M. o Rei, xunto coas primeiras autoridades de Galicia, presidiu o acto central do Tour do Talento en Lugo, unha iniciativa impulsada pola Fundación Princesa de Girona, coa colaboración do Concello. Durante o mesmo, tivo lugar a Proclamación do Premio Princesa de Girona de Investigación Científica 2023, da man dun xurado de expertos e premiados da fundación de anos anteriores.
Antes deste acto central, que foi no Auditorio Gustavo Freire, celebrouse o Congreso “Importa” da man da Fundación “Lo que de verdad importa” (LQDVI). Este foro ofreceu unha serie de charlas que achegaron aos mozos e mozas valores como a tolerancia, a superación, o respecto ou a solidariedade.
Protagonizaron o encontro Dani Caverzaschi, tenista español número 1 nacional e o 14 a nivel mundial e unha das promesas do deporte paralímpico español e Antonio Espinosa, CEO de Aura, empresa social cuxo fin é financiar proxectos de acceso a auga potable.
Capitais de talento novo
Un ano máis, a Fundación Princesa de Girona escolle o Tour do Talento como escenario para anunciar o nome das persoas gañadoras dos seus Premios –galardoes que se entregarán no verán–. En Lugo, proclamarase o Premio Princesa de Investigación Científica 2023 e en xuño, Xirona anunciará o Premio Escola do Ano, un galardón que se entrega cada ano a un centro pedagóxico de referencia en materia de innovación educativa.
E, ademais, nas próximas semanas un xurado de expertos reunido para outorgar o Premio Internacional anunciará o nome dun novo mozo que se sumará a esta categoría que reúne xa a catro galardoados, pois este premio creouse no ano 2019.
O Premio Princesa de Girona Social 2023 foi proclamado na primeira parada do Tour, en Zaragoza, e recaeu na educadora social e promotora da Fundación de Arte Paliativa, Sílvia Fernández Cadevall, por “a súa constancia, determinación, sensibilidade, humildade e compromiso no acompañamento de persoas durante a enfermidade e ao final da vida”; o Premio Princesa de Girona Empresa 2023, proclamado en Valladolid, recaeu en Rafael Jordá por “democratizar o acceso ao espazo para o beneficio da sociedade facendo posible o lanzamento de satélites de órbita baixa, reducindo os prazos de desenvolvemento e fabricación, e a un custo competitivo”.
En Córdoba, a violinista María Donas, foi a merecedora do Premio Princesa de Girona Artes e Letras por “o seu gran talento, a súa disciplina e a súa capacidade de traballo constituíndo un excepcional modelo inspirador para os mozos”.
Un proxecto de cidade
O Tour do Talento na cidade de Lugo contou coa colaboración do Concello de Lugo como coorganizador do evento e a colaboración de Fundación Vertex Bioenergy, Norvento Enerxía, a Xunta de Galicia, ademais da Universidade de Santiago e Campus Terra. Os Proxectos especiais do Tour do Talento Lugo, o Congreso Importa e o programa CodGo!, realízanse grazas a Telefónica, Novantia, GRI Renewable Industries, Caixabank, imagin e Fundación Banco Sabadell.
Fin de semana
O Tour do Talento despedirá a súa parada en Lugo durante a fin de semana cunha completa programación de ocio e lecer destinada, especialmente, aos mozos e mozas da cidade, pero tamén con actividades para todos os públicos e idades. Despois dunha intensa semana de obradoiros, mesas redondas, conferencias, visitas guiadas e da celebración do acto central de proclamación do Premio Princesa de Girona de Investigación Científica; esta xira impulsada pola FPdGi, da man do Concello de Lugo, encara a súa recta final con unha ampla axenda de actividades durante o sábado e domingo.
O sábado, de 11:00 a 20:00 horas, na Praza Horta do Seminario, celebrarase un campionato 3×3 de baloncesto na rúa, que estará dirixido pola Fundación Breogán. Será aberto e con entrada libre ata completar aforo. Instalaranse para iso na praza: tres pistas para torneo 3×3 e unha pista para torneo de triplos. Para o torneo 3×3 os equipos deberán están conformados por un máximo de 4 xogadores. Paralelamente e a modo de ambientación terá lugar un concurso de DJ’s.
Pola tarde, neste mesmo emplazamento, terá lugar un taller de graffitis, con entrada libre, da man da agrupación lucense Concepto Circo, dedicada ao deseño de murais e grafitis ilustrativos, a través do que ensinarán durante 4 horas, de 16:00 a 20:00, os segredos e habilidades desta arte urbana que se atopa en auxe.
Paralelamente, a Escola Palimoco Teatro interpretará a obra “Quen ocupa esa cadeira?”, dúas horas de fragmentos de obras clásicas coa participación do público, que comparte “esa cadeira” cunha actriz ou actor da compañía. Neste cara a cara é posible interactuar con personaxes saídos do Século de Ouro nunha performance que se poderá desfrutar de 17:00 a 19:00 horas.
Así mesmo, a carón do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo terá lugar a quinta proba do Circuito Larsa Corre con nós 2023, enmarcada tamén na programación do Tour e para a que xa hai máis dun millar de inscritos. O programa da mesma será o seguinte: 16:00h – 17:00h Benvida e recibimento dos participantes. 17:00h Saída da categoría MINI. 17:05h Saída das categorías SUB10 e SUB12. 17:15h Saída das categorías Sub14 e Sub16. 17:30h Saída da categoría absoluta.
Xa o domingo, terá lugar unha visita guiada polos grafitis lucenses, a cargo de Concepto Circo e Diego As. Partirá da Praza Horta do Seminario ás 11:30 horas e percorrerá un itinerario con 5 paradas diferentes: 1ª parada Rúa do Esquecemento: Farase unha pequena visita por todas as obras de arte da rúa, comentando curiosidades e técnicas dos distintos artistas implicados. 2ª parada Casas Sindicais: Visitaranse as catro obras da zona. Desde esa zona, sairase á Rolda e subirase á Muralla Romana. 3ª parada Muralla Romana: Visitarase o grafiti de Julio César, obra de Diego AS e elixido como número un en 2021, na votación organizada pola comunidade Street Art Cities. 4ª parada Muralla Romana: Tamén se visitará o grafiti “A Castrexa”, recentemente terminada por parte do artista Manuel Pallín. Finalmente, baixarase da Muralla en fronte da Catedral, onde terminará o itinerario. Como broche de ouro do Tour do Talento, terá lugar, de 12:30 a 13:30 na Praza Horta do Seminario, o concerto da orquestra lucense Terra Nova, creada para fomentar a música clásica. Unha orquestra instrumental formada por mozas entre 15 e 35 anos, dirixida polo recoñecido músico bonaerense, Nicolás Ravelli Barreiro, residente na cidade amurallada.