Segundo o Decreto da Xunta de Galicia, publicado no diario Oficial de Galicia, o 1 de xaneiro de 1979, a denominación institucional da celebración do 25 de xullo é o de Día Nacional de Galicia. Hai quen o chama Día da Patria, Día da Matria, Día de Galicia, Día do Apóstolo, … . Pero ese é o nome oficial.
En 1979 aínda non se aprobara o Estatuto, pero xa había a idea de que o noso país era merecente de símbolos nacionais, ao nivel de Euskadi e Cataluña. Así que a extinta UCD e a vella AP promoveron o cualificativo de nacional da nosa data máis relevante sen maior atranco. A tal punto que, 42 anos despois, ninguén derrogou aquel decreto. Se é o caso, na publicidade institucional, a Xunta emprega indebidamente a referencia de Día de Galicia.
Manter a denominación oficial de Día Nacional de Galicia é importante. Ao fin e ao cabo é das poucas referencias ao noso feito nacional. Con todo, mesmo hai quen argumenta que é o Día na que a nación española conmemora Galicia, velaí que ese nacional non sexa por nós. Pero sexa como fora, aí está: Día Nacional de Galicia.
Pero, a realidade é que Galicia, distando de ser recoñecida como nación, foi perdendo peso no escenario político do Reino de España e, en xeral, no mundo. O feito nacional non é simplemente un cancelo a usar nas redes sociais, senón a expresión da vontade dun pobo. E esta reside, a día de hoxe, no noso Parlamento e proxéctase tamén na formación do goberno da Xunta.
Galicia é a única CCAA que non intentou reformar o seu Estatuto. Un pode falar da tentativa do PSOE e o BNG no período 2006-2009, pero era inviable sen a concorrencia do PP (lembrade que fan falla 2/3 dos votos do Parlamento para levar a cabo esa medida). Tamén se pode dicir que Euskadi tampouco reformou o seu Estatuto, pero a verdade é que o intentou: o famoso plan Ibarretxe era unha proposta de reforma estatutaria que contou co visto e prace do seu parlamento, pero foi desbotado polo Congreso dos Deputados. E, con todo, na actualidade están nun proceso de debate parlamentario para reformar o seu.
Ademais de non ter trazas de reformar o Estatuto, e que tampouco se reclamaron competencias nos últimos 12 anos, que coinciden cos sucesivos gobernos de Feijóo. Si, certo que no último ano reclamouse unha ao Congreso, pero máis forzado polas circunstancias (a AP9 como elemento de confrontación co PSOE), e que segue paralizado polo goberno de España. Ou tamén se ten aprobado un anteproxecto de lei para reclamar a competencia de tráfico, sempre e cando non moleste á Guardia Civil, claro. O caso é que somos a única comunidade autónoma que nos últimos 12 anos non viu medrar o seu teito de autogoberno. Xa que logo, a maioría parlamentaria do PP é quen nos ten rebaixado de categoría política con respecto ao resto das CCAA.
En definitiva, temos un Día Nacional, así chamado polos antecesores ideolóxicos dos que nos gobernan e que, facéndolle escasa honra ao seu traballo, celebraremos como o que somos: unha simple “región”.
Xoán Bascuas