Non era doado o mandado: facer un libro sobre os toliños de Xinzo. A tentación, ensarillar unha serie de anécdotas sobre a restra de personaxes virados polo vento do Larouco, polas badaladas de Antioquía, polo croar das rás, ou, explicación xenérica das rarezas ourensás, polo licor-café. Tese á que se apunta non só un amigo meu miñorán, senón, tamén, o mesmísimo Otero Pedrayo.
Mais non estamos ante un principiante, nin ante un afeccionado. Senón ante Antón Riveiro Coello. O escritor de Xinzo, asentado en Boiro, ten demostrado ser un dos grandes narradores contemporáneos da literatura galega e, ao tempo, quen de manter unha produción constante, profesional, de veterano escritor a pesar da súa xuventude. Así que o encargo de Casares que o autor rememora nas paxinas iniciais da novela non ficou nun relatorio de rarezas e/ou excentricidades senón que se artellou como escintilantes pedriñas preciosas inseridas nun colar traballado por un prateiro de tradición. Riveiro Coello ofrécelle ao seu paisano un éxito póstumo como editor e unha homenaxe estilística na procura da sobriedade, da sensatez, da contención, da aparente sinxeleza, do sorriso irónico e por riba de todo da narración ben construída e comprensíbel.
A Marcelino, “o xograr de Villalón”, tanto lle ten ler o xornal do dereito como do revés pois as novas aconteceran tres décadas atrás: “Hitler invade Polonia”. O “Tiroliro” recolle cabichas e Clarita papeis na procurado documento das partillas. Agustín “O Vicentito” conduce un tráiler que só el ve, que, de cando en vez, se transforma nun avión que só el olla, mentres non para de dar voltas arredor de si. As irmás “Sabidillas” teñen un estanco e “A Virucha” outro que non abandona nunca e, por iso, mexa no balde; está casada co “Parrandeva” que ten unha coxeira que semella estar a quitar auga do pozo. O “tenente Mateo” é policía secreto en exercicio permanente; don Ramiro, o mestre políglota, alcumado “O Estranxeiro”; Pepe Tejada anda sempre a preguntar canto mide un quilo; o Pelado de Damil é un franquista elocuente; JB, un toureiro carente de valor pero sobrado de estilo; Rafa Cacá, un anano bombeiro e toureiro; o “Fona” anda atarefado en medir os peidos; Enrique “Picamoca” recolle cabichas e cando o mandan ir á seitura di que non, ”que pica a moca”; O Manequín ía disfrazado todo o ano menos no Entroido que andaba espido … e así… algúns máis. Desta panoplia de “feridos polo vento” destacan dous: o avó Mauro “O morto”, resucitado polo magnesio da cámara fotográfica axuntaba ao seu redor todos os inocentes, parviños ou toliños da vila e dos arredores dos que levantaba exhaustivo censo, e Demetrio, o de corpo lambido, que foxe da vila tan pronto tocan a morto e planta unha árbore cando nace un neno, tras do preceptivo informe do sanatorio.
“Na sociedade rural e vilega da altura as persoas viradas da cabeza non eran atendidas das súas doenzas, mais tampouco eran, de xeito xeral, encarceradas nos manicomios.”
Na sociedade rural e vilega da altura as persoas viradas da cabeza non eran atendidas das súas doenzas, mais tampouco eran, de xeito xeral, encarceradas nos manicomios, agás no caso de comportamentos agresivos. O non tratamento significaba agravar o seu sufrimento; o non encarceramento xeneralizado, reducilo. No relato de Riveiro, só nunha ocasión se encerra, por breve tempo, un dos toliños en Toén. Sirva esta referencia para recordar que naqueles anos Franco Basaglia afirmaba que a loucura era unha enfermidade resultante da marxinación económica e lideraba un amplo movemento intelectual e político que logrou a paulatina clausura dos hospitais psiquiátricos italianos a partir de1978. Na mesma altura David Cooper ou Ronald D. Laing, dende a mesma psiquiatría, e Focault e outros, dende a sociopolítica, realizaban duras críticas da psiquiatría tradicional nun movemento, que non foi tal, denominado “antipsiquiatría”, alcuño no que poucos dos seus teóricos se recoñecerían. Mesmo por aquel tempo ( 1973-1975), cando o avó Mauro andaba a tomar notas para o seu arquivo da tolería limiá, houbo un intento de reforma da asistencia no psiquiátrico compostelán de Conxo que rematou coa derrota dos reformadores e o despido dalgúns deles.
Ora ben, Riveiro trata a súa inzada requitropa de tolos, aventados, parviños ou inocentes cun ton de normalidade que provoca un breve sorriso e non unha gargallada insultante. Afástase en todo momento tanto dun paternalismo de merengue como dun psicoloxismo pretensioso. Os tolos viven e conviven con normalidade na vila, camiñan polas rúas, teñen as súas rutinas, son uns veciños máis… o policía secreto axuda o pai do protagonista nas súas tarefas de gardar a orde, uns e outros comen na casa paterna, o vello cárcere municipal, e dialogan co avó Mauro no seu cuarto que aínda conserva o enreixado da antiga cela. Cando o Cubano se empoleirou, en coiros, na fonte nova, o avó discute cun veciño o que cómpre facer nestes casos; este dille:
“Haberá que chamar ao manicomio de Toén para que leven este tolo
E quen o diagnosticou? Ti es doutor?- pregúntalle o avó Mauro con certa retranca.
Home… Non sei.
Pois se non ten diagnóstico, de momento o que temos é un home en pelotas subido no alto da fonte, e a quen hai que chamar é a Benemérita ou os gardas municipais..” (p. 54)
“A novela está construída ao redor de Antón, un mozo adolescente, trasunto do autor, moito máis do que poida un pensar, que nuns poucos días do verán de 1978 vai descubrir o amor, a morte, o sexo …”
Mais a novela está construída ao redor de Antón, un mozo adolescente, trasunto do autor, moito máis do que poida un pensar, que nuns poucos días do verán de 1978 vai descubrir o amor, a morte, o sexo … Poderiamos, pois, denominala unha novela de formación? Si, pero demasiado simple. Na miña opinión trátase máis ben dun relato da inocencia ou, mellor, da perda da inocencia dun “teenager” que nos días roubados ao internado descobre o amor: “Cando Gabriela estaba á miña altura sentín unha escura axitación porque me tocou coa ollada e vin as pálpebras que lle caían sobre o mel dos seus ollos nun xesto tan suave como o alivio húmido dun pestanexo” (p.16). Cando regresa liberado do secuestro salesiano, a morte róuballe brutalmente a inocencia: “Pois si Antón, estívoche moi maliña e morreu hai un mes. Tiña cancro. Síntoo” (p. 29). Esa morte, ese desexo incumprido, ese amor roubado deixara un pouso permanente de tristeza, de abatemento, en todo o relato. Mesmo cando de súpeto a vida rescata o adolescente e descóbrelle o sexo a través da relación puntual coa exótica moza alemá, curmá da non menos exótica venezolana Gabriela: “A vertixe supérame e non son quen de controlar esta paixón desmedida que acende en min un volcán de sensacións descoñecidas. Teño medo da perspectiva dos corpos e alégrome de que a sombra dunha nube enorme avance cara a nós e o día se anubre imprimindo unha cor estraña nas cousas coma se todo se recubrise cunha fina película de porcelana. Penso se a tormenta pode ser a solución como onte, pero non, o sol volve xurdir, intenso, no cumio da mañá, xusto cando se desabotoan os pantalóns e as mans se perden por dentro da roupa coa música das rás adaptándose aos nosos desexos” (p.126).
O mundo descuberto vén acompañado de remorsos da traizón: “…dóeme o pracer case na mesma medida en que me atormenta o recordo” (p. 125) e do sentimento de culpa : “Mais, de súpeto, xusto cando as bólas de prata pingan luces como esmeraldas, vaise formando na miña alucinación o estraño formato das estrelas e unha ferida íntima faime saír deste amor ruidoso, deste soño intenso, e dou en chorar a fío pola miña infidelidade, porque agora Gabriela deixa de ser unha ausencia desprazada e volve a min cunha forza insólita. E decátome de que sigo a amala, de que só un par de días canda ela e o suave bico nos beizos que lle arrinquei, abondaron para soster todo o peso dunha paixón”. (p.130). Memoria, culpa, morte e amor presentes sempre na literatura de Riveiro como xa sinalamos neste blog no comentario do seu anterior libro.
“O centro do relato é Antón, o adolescente que quere ser artista, aínda non sabe ben de que, pero terá que ver coa música ou coa literatura. As súas paixóns.”
O centro do relato é Antón, o adolescente que quere ser artista, aínda non sabe ben de que, pero terá que ver coa música ou coa literatura. As súas paixóns. A música, sempre presente nas obras de Riveiro. Nos “elefantes” a protagonista chamábase Janis, en homenaxe á Joplin, nesta ocasión son outras as referencias, mesmo en contraposición estética; Gabriela dille: “Sorprenderache que sacrificase a cinta dos Bee Gees. A verdade é que durante o lento sufrimento da enfermidade axudoume moito máis a túa música. Led Zeppelin e Deep Purple liberan, e moito. Unha xa non está para melancolías.” (p.112).
A educación sentimental das xeracións percorre corredoiras reviradas . Moitos dos militantes culturais, e políticos, do galeguismo da xeración de Riveiro, e da anterior, iniciáronse na primixenia rebeldía consentidora da posta en cuestión dos prexuízos españolistas do franquismo e do postfranquismo transicional, nas formas e contidos cosmopolitas das múltiples variantes do rock. Aconteceu en especial nas vilas, nas que o tamaño das guedellas indicaba un espírito anovador dos imitadores de Jimmy Page, de Ritchie Blackmore -aquel a quen Antón foi ver no estadio do Atlético de Madrid, segundo conta en Casas Baratas- ou de Robert Plant, de quen é preciso desmentir que copiase o peiteado encrequenado de Yosi, o dos Suaves, porque este daquela ocupábase de asuntos relacionados coa seguridade do estado.
O acceso á comprensión das lonxitudes capilares e de profundidade democrática ficou plasmado, na miña experiencia particular, nunha asemblea das Comisións Labregas, celebrada nalgunha parroquia do Ribeiro do Avia. Debeu ser pouco antes de que o adolescente Antón escoitase a mensaxe do seu amor, Gabriela, gravado nunha casete que fora dos Bee Gees. Un dos franqueirianos colleiteiros de viño ergueuse enfurruñado para acusar os dirixentes das Labregas de seren lobos agochados en pel de año, xa que na realidade eran de ideoloxía marxista-leninista. Ao tal respondeulle, con rapidez, outro colleiteiro aclarando que o de marxista, a el tampouco lle parecía ben, pero que o de “menelista” éralle igual, que o pelo cada quen podía levalo como quixera.
“Como en Casas Baratas, Riveiro Coello fai un exercicio memorialista da inocente, ou non tanto, chegada da primeira adolescencia”
Como en Casas Baratas, Riveiro Coello fai un exercicio memorialista da inocente, ou non tanto, chegada da primeira adolescencia. Xa que logo a outra paixón do artista en formación, a literatura, está presente no relato en dúas dimensións. Unha relacionada cos libros, coa lectura “como unha clase de alimento” e a obsesión con A Odisea que dará lugar a algunhas das mellores paxinas, na miña opinión, de A ferida do vento. A outra co “que queres ser de maior”; para os veciños e a familia, doutor; a el gorentáballe ser artista, isto é guitarrista, ata que se cruzou por alí o fillo de don Paco: “Sempre pensei que a marca distintiva dun escritor debía de estar no seu aspecto estrafalario, nalgunha circunstancia extravagante da súa personalidade, nalgún risco físico que expresase a diferenza. (…) O que non me podía pasar pola cabeza era a estampa que agora teño diante dos ollos, un ser máis baixo ca min, moreno, media melena, barba negrísima, pantalóns de elefante e unha camisa de cadros que se abre a un triangulo piloso no peito”. (p.98-99)
Aquel Antón letraferido virou nun gran escritor que ergue un relato redondo, de tarde de inverno, ou de praia, que cando o catas non es quen de abandonalo ata o remate das súas breves 140 páxinas en homenaxe ao fillo de don Paco, neste seu ano que enceta.
Que o pasedes tan ben coma min coa súa lectura!