Ourense | O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, que preside Concha Iglesias Pousa, celebrará o próximo día 27 de xuño, ás 19.00 horas, a gala de entrega dos XIII Premios D.O. Ribeiro, na que como xa vén sendo habitual recoñecerase o labor que realizan distintas entidades e persoas na difusión destes viños da Denominación máis antiga de Galicia, e entre as que este ano se atopa o coñecido xornalista Fernando Ónega, presidente do diario dixital para persoas maiores 65ymás, que será distinguido como ‘Persoeiro de Honra’.
A gala repetirá o escenario da súa última edición, reunindo a máis de duascentas persoas no restaurante A Carballeira de Santa Cruz, na localidade ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo, onde ademais dos recoñecementos, tamén se entregarán os premios aos viños gañadores da Cata Oficial, sendo a primeira que preside Concha Iglesias, ligada ao sector vitivinícola desde hai máis de 24 anos e que accedeu ao cargo de presidenta este mesmo mes de xuño, tras ser elixida polos vogais do pleno do Consello Regulador.
Fernando Ónega, xornalista de ampla traxectoria e un namorado confeso do mundo do viño, será distinguido polo C.R.D.O. Ribeiro polo seu excelente labor de promoción e o seu decidido apoio á entidade, coa que colaborou en numerosas ocasióní. Como ‘Persoeiro de Honra’ sumarase a unha exclusiva lista da que tamén forman parte Manuel Juliá, Alfonso Sánchez Izquierdo, Manuel Villanueva, Luis Paadín, Paradores, César Lumbreras, Sarah Jane Evans, Cristino Álvarez, os restaurantes galegos con estrela Michelin, Josep Roca, Paco Rego e José Luis Hernáez Mañas.
Xornalismo vocacional
Presidente de 65ymás e autor do podcast titulado “Cartas aiEspaña’, que cada día dirixe a un destinatario marcado pola actualidade, Fernando Ónega (Lugo, 1947) traballou ao longo da súa longa traxectoria en diferentes medios de comunicación, ademais de ser director de prensa durante o goberno de Adolfo Suárez; director do Diario Ya e de Onda Cero, e director de informativos de Cadena Ser.
Home polifacético, tamén traballou en Televisión Española, onde dirixiu os programas informativos ‘Siete días’ e ‘Revista de Prensa’, ademais de ser presentador dos informativos de Antena 3 Noticias.
Colaborador habitual de diferentes medios como comentarista de actualidade, Fernando Ónega preside desde 2019 o xornal xeneralista 65ymás.com, que conta no seu consello editorial con recoñecidos xornalistas como Pilar Cernuda, Rosa María Calaf ou Carlos Herrera.
Con varios libros publicados e numerosos premios ao longo da súa traxectoria profesional, Ónega sempre foi un gran embaixador dos viños da D.O. Ribeiro.
A gala de Premios D.O. Ribeiro, un dos eventos máis importantes da estratexia de promoción do Consello Regulador, incluirá a entrega de premios a diferentes iniciativas e profesionais destacados do sector. Asi, en datas próximas daranse a coñecer o resto de premiados que recibirán o día 27 os galardóns Muller e Viño, Ribeiro en Nós, Mellor Tarefa de Comunicación, Vida entre Vides, Mellor Servizo de Viño en Restaurante, Mellor Vinoteca-Tenda Especializada, e Mellor Taberna-Bar de Viños.
Ademais, e como vén sendo habitual, tamén se entregarán os premios aos viños gañadores da Cata Oficial, que se descubrirán durante o transcurso da propia gala.