Cadernos da viaxe.
Outorgada xa a confianza parlamentaria ao candidato socialista como Presidente do Goberno do Estado co voto, entre outros do BNG, comeza a conta atrás para o cumprimento dos acordos do pacto de investidura BNG-PSOE. Hoxe analisamos os compromisos canto á mellora da rede e dos servizos ferroviários, artellados nun potente Plan Integral de Modernización da Rede Ferroviaria de Galicia que, antes da fin desta lexislatura:
i) Implantará un servizo de tren de proximidade (“cercanías”) polo menos nos treitos A Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo.
ii) Conectará o eixo atlántico A Coruña-Vigo co tren Lisboa-Porto-Valença do Minho a medio da saída sur de Vigo para garantir a operatividade da alta velocidade no eixo ferroviario Galicia-Portugal na contorna de 2030, consonte co proxecto portugués que programa para ese horizonte o remate da liña no seu territorio. Mentres, melloraríase o material e incrementaríanse os servizos na actual liña Vigo-Porto
iii) Pulará polo Corredor europeo Atlántico de mercadorías,
iv) Modernizará a liña Guillarei-Ourense e do treito Betanzos-Lugo, da liña FEVE Ferrol-Ribadeo, e máis da liña A Coruña-Ferrol, garantindo o comezo das obras de execución do by-pass de Betanzos antes da fin da lexislatura.
v) Recuperará o nível de servizos prepandemia e estudará a necesidade do seu incremento no futuro.
Malia o cobizoso deste Plan, a experiencia histórica aconsella sermos escépticos diante dos compromisos que con Galicia asumen as forzas do bipartidismo dinástico PP-PSOE. É de xeral coñecemento que o PSOE é moi áxil para negociar e asinar acordos e, pola contra, adoita ir moi amodiño para cumprilos. Que este pacto de investidura constitúa unha excepción exitosa vai depender de dous factores que mesmo poderían actuar conxunta e acumulativamente.
“Malia o cobizoso deste Plan, a experiencia histórica aconsella sermos escépticos diante dos compromisos que con Galicia asumen as forzas do bipartidismo dinástico PP-PSOE”
O primeiro destes factores será a dinâmica especial desta lexislatura. No pacto devandito prevese unha Comisión de Seguimento BNG-PSOE que haberá de se reunir cada cuadrimestre ou cando calquera dos partidos o requira para avaliar os progresos na execución do pactado.
A esta garantia se lle engade a moi probábel necesidade do concursi dos votos todos do pacto de investidura para a aprobación dos vindeiros e sucesivos Orzamentos Xerais do Estado, onde se terán de concretar cadanseus asignamentos de recursos para por en vigor este Plan galego de Modernización ferroviaria. O PSOE, desta vez, non pode recuar para tentar o apoio do PP e precisa respectar os pactos asinados cos seus socios de investidura.
O segundo factor é a decisión certa do PSOE de apostar por unha remuda á fronte da Xunta de Galicia logo das nosas eleccións nacionais de 2024. Dende as eleccións nacionais de 2005 a dirección federal do PSOE e a feble organización galega do PSdeG non coincidían tanto nun candidato viábel como na necesidade do concurso dual e cooperativo de BNG e PSOE (semella que con certa preeminencia dos soberanistas) para que agrome, por fin, a alternancia en San Caetano logo de 15 anos de goberno da dereita.