O Porriño/Cans | O Festival de Cans fusionará, como xa é habitual, o audiovisual coa música na zona do Jaliñeiro e o Espazo Multiusos na tarde do sábado 27 de maio, día grande do Festival. Nesta ocasión este emblemático espazo convertirase nun lugar para a celebración, acollendo unha actuación da cantante Uxía acompañada da proxección filme documental Frágil equilibrio -gañador dun Goya na última edición dos premios-, e a reunificación puntual do emblemático grupo Radio Océano co gallo do 30 aniversario da saída do primeiro e único disco da banda coruñesa.
O público asistente ao Festival poderá celebrar na Sala Multiusos o “Goya con sabor galego” coa proxección do documental Frágil equilibrio acompañado dun coloquio con Guillermo García, fillo de nai galega e director desta longametraxe de temática social que se fixo nos últimos Premios Goya co galardón ao Mellor Documental. Trátase dun demoledor filme que ten implícito un convite á reflexión arredor do mundo que nos rodea a través de historias de subsaharianos saltando a valla de Melilla, do capitalismo salvaxe en Xapón ou de desafiuzamentos en Madrid e fiadas coas reflexións fundamentais dun sabio: José Mujica, ex presidente de Uruguai. A Seminci ou o Festival Internacional de Documentales de Ámsterdam (IFDA) son só algúns dos múltiples festivais nacionais e internacionais nos que estivo seleccionado o filme.
Ademais, esta sobrecolledora obra audiovisual tamén estivo nomeada na última edición dos Premios Goya na categoría de mellor canción con Muerte, composta por Zeltia Montes e interpretada por Uxía, quen ofrecerá un exclusivo concerto no Jaliñeiro ao remate da proxección.
RADIO OCÉANO, 30 ANOS DE ATLANTISMO
Nesta edición do Festival, os fans do grupo Radio Océano, poderán celebrar en Cans os “30 anos de Atlantismo” desta banda que, con só un disco, logrou atraparnos para sempre con temas como Narcisismo, Terra Cha ou Como o vento, que forman xa parte da memoria musical do país. Neste ano 2017 cúmprense 30 anos da saída do seu primeiro e único disco Esto no es Hawai (nin falta que fai) (1986) e, a medida que pasa o tempo aumenta tamén a súa cotización como nunha cobizada peza de culto. Para conmemoralo, en breve sairá un dobre vinilo con directos e pezas inéditas no selo Subterfuge.
O Festival de Cans quere celebrar esta efeméride cunha das contadas xuntanzas que terá este ano a banda e rescatando unha selección das súas pezas audiovisuais -algunhas case descoñecidas-. Esta combinación de proxeccións comentadas por eles mesmos na Sala Multiusos coa actuación en directo de Radio Océano no Jaliñeiro será todo un canto ao Atlantismo e a uns anos creativamentes prolíficos, no que se fusionarán unhas pezas de xornalismo cultural profundo e rigoroso co gamberrismo da formación.
O acceso a estas dúas experiencias completas (proxección+concerto) terá un aforo de 80 persoas e un prezo de 5€, tanto para a proxección de Frágil equilibrio con concerto de Uxía, como para a proxección de pezas audiovisuais de Radio Océano con actuación da banda. A organización do Festival de Cans porá á venda entradas para estas actividades a través da súa tenda online tenda.festivaldecans.com entre o 11 e o 17 de maio. Para aquelas persoas que prefiran mercalas físicamente, tamén haberá unha porcentaxe reservada para a súa venda física en Cans o día 19 de maio.
CANS, NUN PROXECTO PILOTO NO ÁMBITO DA SEGURIDADE E DA COBERTURA LEGAL
Unha das maiores preocupacións do Festival de Cans é reforzar todo o relativo ao apartado de seguridade e ámbito legal no perímetro do Festival. Nesta edición, a organización avaliará todo seu traballo de cobertura legal e xurídica a través da Sociedade Cooperativa Evenit, unión da consultora Maruxa Soc. Cooperativa Galega e a enxeñaría Daixma, especialistas en consultoría técnica de espectáculos públicos e eventos.
A través deste acordo, o Festival de Cans convertirase nun evento piloto para analizar e reforzar a xestión da produción técnica, o cumprimento da normativa legal e reforzar os estándares de calidade e sustentabilidade, así como recoller calquera deficiencia que poida ter o Festival para melloralo de cara ao futuro. Todo o traballo que se desenvolva e probe en Cans servirá para ser procesado e aplicar a posteriori noutros eventos con características semellantes e poder así optimizar o seu funcionamento.